
O goberno da Laracha adxudicou tres contratos que supoñen un investimento global de 358.000 euros. As actuacións contemplan a renovación integral da cuberta da piscina municipal, a mellora de varias estradas na parroquia de Soandres e a adquisición dun vehículo eléctrico tipo pick-up destinado a funcionar como punto limpo móbil. A obra de maior importe corresponde á reforma integral da cuberta do complexo deportivo da piscina municipal, adxudicada á empresa Construcións López Cao, por un orzamento de 215.000 euros. A intervención responde á necesidade de corrixir os problemas de impermeabilización detectados nas instalacións, que se viron afectadas por estancamentos de auga de choiva e pola degradación da membrana impermeable. O proxecto contempla a retirada de todas as capas da cuberta actual e a construción dunha nova con materiais que garantan durabilidade e seguridade. Ademais, mellorarase o illamento dos falsos teitos no interior do recinto co obxectivo de optimizar a eficiencia enerxética e o confort térmico. A actuación deixará, así mesmo, preparada a estrutura con soportes específicos que permitirán nunha fase posterior a instalación dun sistema solar fotovoltaico, cuxo orzamento se estima noutros 100.000 euros.
O segundo contrato, adxudicado á empresa Construcións Ponciano Nieto, centrarase na mellora da rede viaria na parroquia de Soandres. A actuación afecta as estradas de tres núcleos de poboación. En Corgo de Abaixo e na Tapia procederase a renovar a superficie de rodadura e a reforzar a seguridade mediante a correspondente sinalización horizontal. No núcleo da Millarada desenvolverase unha intervención de características similares, á que se sumará a mellora da rede de recollida de augas pluviais. O orzamento destinado a este contrato supera os 61.000 euros, co obxectivo de mellorar o tránsito de vehículos e peóns e garantir un maior nivel de seguridade nos desprazamentos. O terceiro contrato, adxudicado a Vehículos, Equipamentos e Carrocerías Prieto-Puga, corresponde á subministración dun vehículo tipo pick-up eléctrico que prestará servizo como punto limpo móbil. O investimento alcanza os 82.000 euros e permitirá ao Concello despregar un servizo itinerante polas trece parroquias do municipio, complementando así as prestacións do actual punto limpo fixo. Con esta incorporación preténdese modernizar a xestión dos residuos, mellorar a eficiencia dos servizos ambientais e facilitar o acceso dos veciños a un recurso fundamental para a correcta separación e reciclaxe de materiais.