
A praia de Razo acolle esta semana unha das fases máis intensas de Agarimo Surf, o programa social e terapéutico impulsado pola Asociación Visibles que emprega o mar e o surf como ferramentas de inclusión, benestar e desenvolvemento persoal.
Usuarios e usuarias de Íntegro, Lenda Educativa, Un Paso Máis e Aspaber participan nestas xornadas de surf terapéutico e adaptado, nas que o areal carballés se transforma nun escenario de aprendizaxe, superación e convivencia.
O proxecto xa superou as súas primeiras etapas cun balance moi positivo. Nunha fase inicial, o equipo de Agarimo Surf desprazouse aos distintos centros participantes para realizar presentacións ás familias e ás persoas usuarias, achegándolles o material, os neoprenos e mesmo a fauna mariña, co obxectivo de crear un primeiro vínculo co mar e reducir medos ou inseguridades.
Posteriormente, os profesionais das entidades recibiron formación específica na praia para coñecer as técnicas e dinámicas do surf adaptado e terapéutico.
Agora, tras ese primeiro contacto coas ondas, o programa entra nunha nova etapa centrada no desenvolvemento individual de cada participante. Dende a organización explican que “o primeiro paso xa está dado. Agora trátase de desenvolver obxectivos de mellora específicos para cada persoa participante, utilizando o surf como motor de crecemento persoal e social”.
Agarimo Surf é posible grazas á colaboración entre escolas, entidades sociais e institucións públicas, entre elas o Concello de Carballo, que patrocina estas xornadas destinadas aos colectivos locais.
O programa aposta por entender o mar como un espazo de saúde, inclusión e conexión coa contorna natural, ofrecendo a persoas con diversidade funcional, dificultades de saúde mental ou en risco de exclusión unha experiencia transformadora a través do deporte e do contacto co océano.