Alfredo Cañizo reaparece na política municipal e apunta contra o goberno do PP en Malpica

Despois de meses afastado da primeira liña política por problemas de saúde no seu entorno máis próximo, e tamén tras sufrir pintadas na súa vivenda e insultos nas redes sociais, Alfredo Cañizo volve situarse no centro do debate político en Malpica.

A súa reaparición non pasou desapercibida. Nun momento no que parte da veciñanza considera que o municipio segue estancado ou incluso peor en comparación con etapas anteriores, o exconcelleiro regresa cun discurso duro e coa intención, segundo deixa entrever, de desenmascarar ao Partido Popular e poñer enriba da mesa o que define como as “artimañas” do actual goberno local.

Un regreso con carga política e mensaxe clara

Cañizo reaparece nun contexto no que medra a sensación de que Malpica perdeu dinamismo, especialmente en ámbitos como o turismo, a programación festiva e a proxección do concello, áreas nas que moitos veciños lembran unha etapa “máis activa” cando el tiña maior peso político.

O seu regreso podería alterar o taboleiro político local de cara ás eleccións municipais do vindeiro ano, onde a maioría absoluta do PP semella cada vez máis complicada. E máis aínda no caso de que finalmente dea o paso unha candidatura como Avanza Malpica, o que abriría un escenario de máxima competencia política no concello.

Resposta contundente en redes por unha polémica urbanística

Un dos episodios que máis repercusión tivo nestes días produciuse nas redes sociais, despois da intervención dunha veciña relacionada cun coñecido edificio de Canido, sobre o que desde hai tempo circulan comentarios e sospeitas veciñais por unha suposta ampliación de dúas plantas “por arte de maxia”.

Segundo esa usuaria, o concello tería recibido no seu día unha importante cantidade de diñeiro vinculada a esa actuación, unha insinuación que acabou xerando unha resposta directa e moi dura por parte de Cañizo.

A contestación do exresponsable municipal foi a seguinte:

“En primer lugar, no formé parte de ningún equipo de gobierno hasta finales de 2007, por lo tanto es algo que no me atañe. En segundo lugar, ni como funcionario ni como concejal tuve responsabilidades en el área de urbanismo. Y en tercer lugar, cuando se compra una propiedad se pide información sobre la situación de dicha propiedad y por último: sacar a lingua a pacer sabendo que se minte é de pouca persoa.”

A resposta foi interpretada por moitos como un aviso claro de que non está disposto a calar nin a deixar pasar acusacións que considere falsas ou interesadas.

Malpica entra en modo preelectoral

Co regreso de Cañizo, a política local de Malpica semella entrar xa nunha fase claramente preelectoral. O que ata hai pouco podía parecer un escenario cómodo para o actual goberno municipal, comeza agora a transformarse nun terreo moito máis disputado.

Se finalmente se confirma a súa implicación activa —ou mesmo unha nova candidatura con capacidade real de mobilización—, o debate político no municipio promete ser intenso, directo e sen concesións.

Todo apunta a que en Malpica a batalla política xa comezou.