Detidas 4 persoas en Corcubión baixo investigación no uso de explosivos na pesca da Sardiña


A Garda Civil investiga o posible uso de explosivos na pesca da sardiña na Costa da Morte

A Garda Civil desenvolve unha investigación sobre supostas prácticas ilegais na pesca da sardiña na Costa da Morte, tras varias alertas recibidas nos últimos meses sobre o posible uso de dinamita por parte dalgúns mariñeiros da zona. As chamadas anónimas, que chegaron hai arredor de dous meses, achegaban incluso o nome dun barco presuntamente vinculado a estas actividades.

No marco desta operación, o instituto armado levou a cabo este martes un amplo dispositivo no porto de Corcubión. Máis dunha vintena de axentes, tanto uniformados como de paisano, entre eles un grupo da Unidade de Seguridade Cidadá da Comandancia (Usecic) da Coruña, inspeccionaron un pesqueiro con porto base en Camariñas.

Os efectivos identificaron os catro ocupantes da embarcación —tres mariñeiros e o armador— e empregaron cans do Servizo Cinolóxico especializados na detección de explosivos. O operativo prolongouse durante tres horas e concluíu co arresto da tripulación, aínda que por agora non transcendeu se se atopou material explosivo a bordo.

Tras a intervención, os investigados foron trasladados a un local de Cee vinculado coa casa armadora, onde se realizaron novas comprobacións en busca de máis indicios. O barco, pola súa banda, foi desprazado a un morto na ría de Corcubión ante o mal tempo previsto nas próximas horas.

O caso está a ser instruído por un xulgado de Corcubión, que decretou o segredo de sumario mentres continúan as pescudas. Fuente: Voz de Galicia