
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, animou hoxe á cidadanía a desfrutar esta Semana Santa da riqueza paisaxística da costa galega, logo de percorrer a senda entre Barizo e Malpica de Bergantiños, que está previsto que forme parte do Camiño do Litoral, promovido pola Xunta de Galicia.
Ángeles Vázquez subliñou que esta iniciativa supón a mellor oportunidade para seguir apostando por un turismo seguro e de calidade no que poñer en valor as nosas paisaxes e, ao mesmo tempo, xerar valor engadido a través dun desenvolvemento económico sostible e respectuoso co medio ambiente.
Nesa liña, puxo en valor que o Camiño do Litoral será unha ruta que vertebrará de norte a sur a costa máis extensa de todo o país ao longo dun trazado de máis de 1.300 quilómetros divididos en 53 etapas e que se poderá percorrer tanto a pé como en bicicleta.
Así, a conselleira percorreu hoxe o tramo que transcorre entre a praia de Barizo e o núcleo urbano de Malpica de Bergantiños, que é unha das etapas propostas para formar parte do Camiño do Litoral. Este percorrido destaca pola alternancia entre os perfís acantilados e as enseadas e praias, así como pola combinación do carácter natural da costa co aproveitamento pesqueiro e rural dos recursos do territorio.
Nese senso, Ángeles Vázquez incidiu na importancia de garantir o equilibrio entre a preservación dos nosos recursos naturais e o seu desfrute por parte da cidadanía para garantir a conservación e protección da paisaxe litoral, que é un dos sinais máis representativos da Galicia Calidade.

