Arde masa forestal na parroquia larachesa de Caión desde primeira hora deste luns

Un incendio forestal afecta desde a mañá deste luns á parroquia larachesa de Caión, no concello da Laracha. O lume declarouse na zona de O Outeiro, moi preto do lugar onde a pasada semana xa se rexistraran outros incendios de características semellantes.

Daquela chegaran a producirse dous focos: un en Caión e outro en Rebordelos, no municipio de Carballo.

Para facer fronte ás lapas foi necesaria a intervención dun helicóptero, xa que o vento está a favorecer a propagación do incendio e a dificultar as tarefas de extinción. Na zona están a traballar un axente, unha brigada, unha motobomba, unha pala e a propia aeronave.

A fumareda é perfectamente visible desde a propia localidade de Caión e tamén desde a praia, onde este luns se atopan numerosos bañistas aproveitando as altas temperaturas. Precisamente, a calor tamén está a complicar os labores para controlar o lume.