
A localidade de Legutiano (Álava) foi esta fin de semana o escenario da final do Campionato de España de bateis, unha cita de máximo nivel na que as alevíns femininas da Asociación Deportiva Esteirana de Remo acadaron un espectacular subcampionato de España, confirmando o excelente momento da canteira do club muradán.
Foron dúas xornadas de gran esixencia e intensidade. O sábado, o equipo logrou o pase á final tras unha actuación moi sólida, deixando xa claras as súas aspiracións. Xa na xornada decisiva do domingo, as mozas ofreceron unha regata impecable, na que competiron ao máis alto nivel e deron todo sobre a auga.
O esforzo tivo premio, non só coa medalla de prata, senón tamén cun rexistro de 2:27, o mellor tempo da tempada para a embarcación, un dato que reflicte a progresión e o traballo constante do grupo.
Ata Legutiano desprazouse tamén a concelleira do Concello de Muros, Laura Rivadeneira, quen quixo acompañar ás deportistas nun momento tan especial, compartindo con elas tanto o esforzo como a emoción dunha competición inesquecible.
Este subcampionato de España supón un novo fito para a Asociación Deportiva Esteirana de Remo e un motivo de orgullo para todo o municipio de Muros, que ve como o seu deporte base continúa acadando éxitos a nivel estatal.