As festas de Monte Alto pechan esta fin de semana as celebracións dos barrios no verán

hgnghnghn

As festas dos barrios da Coruña continúan esta fin de semana cos festexos en Monte Alto, que toman o relevo da Falperra e supoñen as últimas celebracións do verán. As festas son financiadas polo Concello a través do plan de apoio ás entidades veciñais para a celebración das súas festas patronais. Dita liña de subvencións conta cun orzamento total de 500.000 euros para todas as celebracións tradicionais dos barrios. «Desde o Goberno de Inés Rey apostamos este ano por mellorar o proceso de concesión de axudas  para que os diferentes barrios celebren as súas festas, dándolle ás asociacións unha maior autonomía para que confeccionen os programas», indica Gonzalo Castro.

O sábado 20 a programación comezará ás 12.00 horas cunha alborada co grupo Xebre. ÁS 13.30 haberá unha sesión vermú na rúa da Torre coa actuación dos Combos da Escola Municipal de Música. A partir das 16.30, no Campo de Marte, haberá xogos populares tradicionais, espectáculo musical infantil e familiar de Pakolas e actuación do coro e grupo de danza Eidos. Xa pola noite, a partir das 20.45 horas na rúa da Torre, co pregón de María Xosé Bravo, da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. Ás 21.00 actuará A Banda da Loba e ás 23.00 será a quenda de Loita Amada.

O domingo celebraranse dous actos pola memoria cívica do barrio. En primeiro lugar, ás 12.00 horas, terá lugar o segundo roteiro ‘Xente que aínda segue en nós’, no cemiterio de San Amaro. Por outra banda, ás 13.00 horas, celebrarase no Campo de Marte unha homenaxe a Ramón Maseda, logo da restauración da placa da súa escultura por parte do Concello. Ramón Maseda Reinante foi presidente da Agrupación Socialista da Coruña, referente da liberdade e da xustiza social, republicano fusilado polo fascismo no Campo da Rata o 31 de agosto de 1936. Os festexos concluirán cunha foliada no Campo de Marte a cargo de Son d’Aquí.