Belén do Campo asiste ao partido entre RC Deportivo Abanca e Levante UD, enmarcado na campaña da Xunta de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego

A delegada da Xunta, Belén do Campo,  asistiu tarde ao encontro entre o RC Deportivo Abanca e o Levante UD, correspondente á Primeira División feminina, un partido que se inclúe dentro da Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025, promovida pola Xunta de Galicia.

Este encontro foi o partido dedicado a rexeitar a violencia de xénero no deporte, que cada equipo participante na campaña celebra nas datas próximas ao 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.

A delegada destacou que “o deporte feminino galego é un orgullo e un exemplo de superación, compromiso e igualdade. Enfrontamentos como este, ademais de ofrecer un gran espectáculo deportivo, serven tamén para lanzar unha mensaxe clara e firme de tolerancia cero fronte á violencia de xénero”.

A través desta iniciativa, a Xunta desenvolve accións de patrocinio e colaboración cos principais clubs galegos de competición estatal que actúan como referentes da participación feminina e como altavoces dos valores da igualdade, tolerancia e respecto no deporte.

A Campaña de Promoción e Sensibilización do Deporte Feminino Galego 2025 conta cun orzamento global de 250.000 euros, destinado a apoiar 23 clubs deportivos galegos, dos cales oito pertencen á provincia da Coruña, cun investimento conxunto que supera os 83.000 euros, e dos cales catro son da cidade da Coruña.

A campaña constitúe unha actividade de patrocinio impulsada polo Goberno galego, mediante a formalización de contratos de colaboración cos equipos participantes, que inclúen accións concretas de difusión e sensibilización. Estas accións, ademais de reforzar a visibilidade institucional, buscan sensibilizar á sociedade e promover a igualdade real no deporte, tanto na práctica deportiva como na súa representación mediática.