
O responsable local dos nacionalistas en Corcubión e tamén edil, Juan Carlos Cristino, manifestou que esta semana reuniuse a asemblea local para analizar a actualidade política: “A asemblea apoia unanimemente o traballo que está a facer o goberno municipal e anímaos a seguir cumprindo o programa electoral que prometeron facer e que recibiu o apoio maioritario do pobo”
Corcubión, 7 de marzo de 2026. O BNG de Corcubión sinalou que despois de escoitar as declaracións dos partidos da oposición estos últimos días, a asemblea local vén de reunirse esta semana para reflexionar sobre as mesmas, e para encarar o último ano de mandato, antes das vindeiras eleccións municipais. “O apoio ao goberno local por parte da asemblea foi absoluto, e instamos a seguir traballando para acabar de cumprir o compromiso adquirido cos electores no programa electoral”, indicaron os nacionalistas.
Dende o BNG sinalaron que “é normal, habitual e comprensible que a oposición neste último ano aumente as críticas, aínda que sexan falsas; teñen que dar a sensación de que fan algo, pois levan tres anos bastante calados. Se calaron ata agora, entón será que levamos tres anos facéndoo bastante ben”.
O responsable local da formación nacionalista, Juan Carlos Cristino, engadiu que “o BNG foi capaz de facer moito máis que o PSOE en 20 anos: desbloquear a compra do paseo marítimo, retirar a depuradora da Agra da Ribeira, ampliar a rúa Vistalegre, mellorar as condicións do servizo do SAF ou facer que o centro de día abra por fin nesta lexislatura, entre outras moitas cousas”. Cristino subliñou que “é incrible a resistencia que teñen os socialistas a peonalizar a praza Castelao, cando eles anunciaran nas eleccións do 2023 un proxecto de peonalización, que nós aproveitamos porque estaba pagado, e que incluso melloramos co mesmo arquitecto; o que nunca contou o PSOE é que perdeuse a subvención que anunciaran de un millón de euros de fondos europeos porque a tramitaron mal cando a pediron, e iso tense que saber porque é un exemplo claro de incompetencia. Perdemos unha oportunidade e agora hai que buscar financiamento noutros programas”.
O responsable do BNG tamén tivo palabras para o PP: “Os únicos que bloquean o pobo son eles, porque dinlle á Xunta que nos corten o grifo das axudas e que non nos reciban. Os exemplos son claros, a Xunta do Partido Popular non dou un céntimo para o centro de día e a conselleira segue sen recibir ao alcalde despois de pedirllo vinte veces por escrito”. Ademais, criticou que “o mesmo sucede co porto mixtoo, atrasando o expediente para non facelo. O PP de Corcubión é complice e é a primeira vez que uns concelleiros traballan contra os intereses do pobo. Isto non pasaba nin con Gema Freire, nin con outros veciños do PP que axudaban sempre que podían na Xunta ou Deputación”.
Cristino afirmou que “parece que o centro de operacións do PP está na confraría, para eles si que hai cartos da Xunta. O ano pasado déronlles 65.000 euros para facer unha festa gastronómica; por certo, da que non deron publicidade das contas a ninguén, porque aí cobraban as racións. É unha festa de degustación ou é un negocio privado? Fixéronlle competencia desleal á hostalería do pobo en pleno mes de agosto e agora din que a defenden. Por que a Xunta se nega a dar axudas ás comisións das festas, cando si patrocinan as festas doutros concellos?”.
Por último, o responsable local do BNG manifestou que “seguiremos traballando unicamente polo interese do pobo, para aumentar o benestar de todos e todas e para conseguir unha plena igualdade entre a veciñanza. Non era xusto que 400 veciños estiveran vinte anos sen pagar o lixo, pola incompetencia e irresponsabilidade do goberno anterior. O alcalde traballa e recibe a todo o mundo por igual, sexa do partido político que sexa; foi elixido para gobernar para todos. Isto é o que non entende o PP, que bloquea a Corcubión alí onde pode. Por certo, os veciños e veciñas do pobo non teñen multas das cámaras, e se as reciben por algún fallo, poden alegar para que se lle quite. Non obstante, nós os animamos igualmente a chamar ao teléfono que dou o PP para pedirlles que a conselleira de política social aporte dunha vez cartos para que abramos o centro de día canto antes”.