BNG esixe o desbloqueo do proxecto da autovía AG-55 para que liciten as obras antes de que finalice xuño

O deputado BNG, Oscar Insua esixiu o desbloqueo definitivo do proxecto da autovía AG-55, para cumprir dunha vez co compromiso histórico da conexión viaria completa da Costa da Morte. Un impulso que debe pasar por iniciar a licitación das obras neste primeiro semestre do ano, é dicir, antes de que remate o mes de xuño, para executar o tramo da autovía entre Salto e Berdoias, incluíndo o desdobramento da vía, con dous carrís para cada sentido de circulación. “Queremos, unha autovía plena, non un corredor”, reclamou.

Logo de dúas décadas de atrasos, a realidade é que a Xunta de Rueda leva anos enganando a veciñanza da Costa da Morte, denunciou Ínsua, criticando a actitude dos sucesivos gobernos do PP que, desde o primeiro anteproxecto publicado no DOG en 2005 ata hoxe, foron recortando o trazado, reducindo investimentos e atrasando deliberadamente unha infraestrutura “clave para o desenvolvemento económico e a seguridade viaria da comarca”, recalcou.

Insua comparou os datos da propia Xunta sobre a intensidade de tráfico entre Cee e Berdoias, que no ano 2023 falaban dunha media de 9.750 vehículos, cos 9.881 entre Pontevea sur e Baloira (A Estrada), tramo para o que o Consello da Xunta vén de aprobar 31M€ para rematar a autovía que conectará a localidade Pontevedresa con Santiago de Compostela.  “Con números semellantes, a Costa da Morte ten que esperar 20 anos e o PP quere facer un corredor”, recriminou.

Criticou así mesmo que as políticas do PP están facendo “desaparecer” a Costa da Morte porque está a perder poboación a causa da emigración. “Igual xa non imos ter que facer unha autovía. Imos ter que pedir un aeroporto para ter conexión con Madrid, Barcelona, Suíza ou Reino Unido”, ironizou, para manifestar a continuación que “se a autovía estivese feita hai 20 anos, non teriamos esta situación económica e demográfica”.

O deputado da comarca subliñou na súa intervención que “esta non pode ser unha batalla pola autovía só do BNG. Ten que ser unha batalla de toda a comarca, de toda a xente de Fisterra, de Soneira, unha batalla pola dignidade, porque queremos futuro. E sen vías de comunicación plenas non hai futuro”.

A autovía como exemplo paradigmático do abandono da Costa da Morte

A historia da autovía da Costa da Morte é un exemplo paradigmático de abandono institucional, con múltiples concesións fallidas, modificacións de trazado e reducións do proxecto inicial. A Xunta chegou a recortar un 39% do percorrido inicialmente planificado (de 42 a 27 km), mentres apenas reducían un 17% o orzamento, deixando sen executar o tramo entre Baio e Berdoias.

En 2020, o Goberno galego volveu anunciar a súa intención de continuar a obra coa troceada primeira fase Santa Irena – AC-432, pero optando por construír só un carril por sentido. A propia documentación técnica recoñece que é “moi probable” que nunca se leve a cabo o desdobramento, o que confirma, segundo Insua, “o engano sistemático ao que se somete á veciñanza da Costa da Morte elección tras elección ”.

 A día de hoxe, nin sequera está aprobado definitivamente o proxecto dos case 6 km entre Salto e a AC-432, e as alegacións presentadas en 2020 veñen de ser respondidas cinco anos despois, sen que haxa rastro da súa licitación na plataforma de contratos públicos da Xunta”, denunciou o deputado nacionalista.

O deputado da comarca recriminoulle ao PP que “despois de dúas décadas de falsas promesas seguimos sen rematar a autovía AG-55 da Costa da morte, mentres a comarca segue perdendo poboación e oportunidades de implantación de empresas por non ter unhas comunicacións competitivas, e sobre todo, perdendo vidas nas estradas ao persistir menos seguridade nelas, e mentres o goberno da Xunta segue a ralentí con estes proxectos”.

Ante esta situación, o BNG solicitaba aprobar definitivamente o proxecto da primeira fase da prolongación da AG-55 e iniciar os trámites de licitación antes de rematar o primeiro semestre de 2025, garantindo a construción da autovía AG-55 entre Salto e Berdoias con dous carrís por sentido. 

 O PP votou en contra de impulsar o proxecto antes de xuño.