
Hai proxectos que nacen antes de tempo. E ás veces iso é unha dificultade; outras, é un mérito que só se recoñece co paso dos anos.
Rutas a pé pola Costa da Morte, promovido pola Asociación Neria, foi un deses proxectos pioneiros. Cando decidimos impulsar aquela proposta, a idea era tan sinxela como ambiciosa: unir Malpica e Muros a través do litoral, vertebrar a comarca cun fío continuo de sendeiros, patrimonio e paisaxe, e facelo desde unha perspectiva sostible, respectuosa e profundamente local.
Non falabamos só de turismo. Falabamos de identidade. Falabamos de economía de proximidade. Falabamos de orgullo comarcal.
Naquel momento, camiñar a Costa da Morte de punta a punta non era unha tendencia nin unha marca consolidada. Era unha intuición: que o noso maior valor estaba no territorio entendido como conxunto, non como suma de concellos illados. A ruta pretendía iso: superar fronteiras administrativas e pensar en clave de comarca.
As dificultades económicas e estruturais que atravesou Neria impediron que aquel proxecto se desenvolvese como merecía. Pero o tempo demostrou que a visión era acertada. Hoxe ninguén discute que os itinerarios costeiros, o turismo de natureza e a experiencia pausada son activos estratéxicos da Costa da Morte.
Por iso esta reflexión non é un exercicio de nostalxia. É unha chamada á responsabilidade.
A Costa da Morte conta hoxe cun ente específico de promoción e coordinación turística: a CMAT. E precisamente por iso, máis ca nunca, é o momento de entender que os proxectos que nacen con vocación comarcal non pertencen a unha entidade concreta nin a unha etapa determinada. Pertencen á Costa da Morte no seu conxunto.
A CMAT debe traballar para recuperar, fortalecer e defender aqueles proxectos que teñen unha visión común e que responden ao interese xeral da comarca. Debe facelo con espírito integrador, recoñecendo o camiño percorrido e evitando caer na tentación de comezar sempre desde cero. A cooperación, a continuidade e o respecto pola memoria institucional son sinais de madurez territorial.
Se algo nos ensinou aquela iniciativa é que a Costa da Morte só medra cando pensa en común. Cando entende que o éxito dun concello reforza ao veciño. Cando aposta por proxectos compartidos que vertebran, conectan e dan sentido ao conxunto.
Camiñar a nosa costa é moito máis que unha actividade turística. É unha metáfora do que precisamos como comarca: avanzar paso a paso, xuntos, cun rumbo claro.
A Costa da Morte ten territorio, ten relato e ten potencial. Agora precisa decisión e coordinación para defender os proxectos que realmente constrúen comarca.
Porque o futuro non se improvisa. O futuro planifícase. E, se é posible, camíñase.
Por Javier González, ex presidente de Neria