Cando falla o contraste: Santa Comba, a débeda e o silencio xornalístico

A recente publicación dunha información sobre o Concello de Santa Comba en El Correo Gallego, procedente directamente do gabinete municipal e sen sinatura de autor, deixou abraiados a moitos veciños. Non só polo contido da noticia, senón pola ausencia dun contraste mínimo dos datos ofrecidos, algo especialmente grave nun medio cunha longa tradición xornalística.

Dar por boa, sen verificación, a versión do alcalde de Santa Comba, Alberto Romar, supón renunciar a un dos principios básicos do xornalismo: comprobar a veracidade dos feitos, especialmente cando existen datos oficiais públicos que os desmenten.

Os feitos segundo as fontes oficiais

Segundo a Central de Información Económico-Financeira das Administracións Públicas, dependente do Ministerio de Facenda, a débeda herdada por Alberto Romar ao acceder á alcaldía estaba moi lonxe das cifras que el mesmo trasladou aos medios durante os seus primeiros meses de mandato.

Ao peche do ano 2022, baixo o goberno de María Pose, o Concello de Santa Comba rexistraba 597.132,07 euros en facturas pendentes de pagamento. Tras o aboamento doutros 730.118,11 euros, a débeda reducíase ata os 388.788,41 euros, cifra oficial existente no momento no que Romar accedía á alcaldía tras a moción de censura.

Estes datos contrastan coas declaracións realizadas polo propio Alberto Romar o 23 de xuño de 2023, na súa primeira entrevista como alcalde en Radio Xallas, posteriormente reproducida polo medio dixital Adiante Galicia, onde afirmaba que o Concello debía 2.508.000 euros en facturas, chegando mesmo a insinuar a existencia de servizos facturados que non se terían realizado.

Un cambio de discurso

Durante case dous anos, o alcalde insistiu publicamente en que a elevada débeda municipal era consecuencia directa da xestión dos seus predecesores. Porén, esta versión comezou a esmorecer na sesión plenaria do 28 de novembro de 2025, cando, tras unha exposición detallada do concelleiro Pablo Negreira, Alberto Romar recoñeceu explicitamente a débeda xerada durante o seu propio mandato.

Nese pleno, o alcalde admitiu que a suba de impostos non fora suficiente para reducila, deixou aberta a porta a novos incrementos fiscais e recoñeceu que, malia estar o Concello intervido por Facenda, priorizaría a execución de obras fronte ao pagamento das facturas pendentes.

Todo isto resulta especialmente chamativo se se ten en conta que:

  • O Concello está intervido polo Ministerio de Facenda.
  • Formalizouse un crédito de 900.000 euros a 15 anos.
  • Incrementáronse impostos como o IBI ou a taxa do lixo.
  • Facenda lograra reducir a débeda case á metade tras a súa intervención, malia o cal esta volveu aumentar posteriormente.

Confirmación no pleno de xaneiro de 2026

A sesión plenaria ordinaria celebrada o 23 de xaneiro de 2026 volveu confirmar esta situación. O informe trimestral sobre o cumprimento dos prazos de pagamento, presentado novamente por Pablo Negreira, coincidía punto por punto cos datos oficiais publicados polo Ministerio de Facenda e Función Pública.

Unha vez máis, e de forma indirecta pero inequívoca, o equipo de goberno recoñecía que a débeda existente non era herdada, senón xerada durante o actual mandato.

Conclusión

Sen afirmalo de maneira expresa, os feitos recoñecidos en sede plenaria implican que durante os dous primeiros anos de lexislatura se trasladou á cidadanía unha versión que non se correspondía cos datos oficiais dispoñibles. Iso é o que moitos veciños interpretan hoxe como unha grave falta de transparencia.

Por todo iso, resulta lexítimo preguntarse se un medio de comunicación pode permitirse publicar, sen contraste nin sinatura, unha nota institucional que omite datos oficiais e reproduce sen matices o discurso do poder político.
Cando isto acontece, non só se resinte a calidade informativa: ponte en cuestión a confianza da cidadanía no xornalismo.

Aquí tedes Unha noticia contrastada

O Alcalde de Santa Comba Cobra 52.000€ o ano + Seguros sociais por Unha exclusividade que está fora da lei , xa que nun pleno apoyado pola maioria do seu partido aprobou 6 compatibilidades dentro da exclusividade , algo nunca visto en España. E para colmo nunha desas compatibilidades cobra como autónomo 17.000€ anuais do Concello de Val do Dubra. Todos estés datos os tedes nunha noticia anterior ou no portal de transparencia.