Carballo celebrará o 24 de maio o II Feirón en rede “Carballo Solidario” coa participación de 14 entidades sociais

O Concello de Carballo celebrará o domingo 24 de maio a segunda edición do Feirón en rede “Carballo Solidario”, unha iniciativa que pretende poñer en valor o labor das entidades sociais do municipio e achegar o seu traballo á cidadanía nun espazo aberto, participativo e dinámico. A cita, prevista inicialmente para o pasado 12 de abril, tivo que ser adiada debido ás condicións meteorolóxicas.

A actividade desenvolverase na Praza do Concello a partir das 10.30 horas e reunirá a 14 entidades sociais que traballan no municipio: AECC, ALCER, Fundación Érguete Integración, Cruz Vermella, Un Paso Máis, O Legado de Max, Afaber, Cáritas, Aspaber, APEM, Íntegro, Vieiro, Lenda Educativa e Senegaleses Carballo.

Cada colectivo contará cun posto informativo no que poderá amosar o seu traballo, ofrecer información á veciñanza e organizar diferentes actividades de sensibilización. Entre as propostas previstas destacan un obradoiro de reutilización de redes de pesca, unha exhibición de música do Senegal e un taller de chapas dirixido ao público asistente.

De maneira paralela, poderá visitarse na propia Praza do Concello a exposición “Que pasaría se non existisen as entidades sociais?”, unha iniciativa pensada para reflexionar sobre o papel fundamental que desempeña o tecido asociativo na sociedade e para visibilizar o impacto do seu labor na vida diaria da veciñanza.

O programa completarase cun servizo de canguraxe e animación infantil para facilitar a conciliación das familias asistentes, así como cunha actuación musical da Charanga Benofán, que contribuirá a dinamizar o ambiente durante toda a mañá.

Con esta segunda edición do Feirón en rede “Carballo Solidario”, o Concello reafirma a súa aposta por crear espazos de encontro, colaboración e visibilización para os colectivos e entidades que desempeñan un papel clave no desenvolvemento social do municipio.