Carballo e Vieiro afianzan a súa colaboración para combatir as adiccións

O goberno carballés reforza a colaboración con Vieiro para previr adiccións e apoiar ás familias

O goberno municipal de Carballo aprobou este luns un novo convenio de colaboración entre o Concello e a asociación Vieiro, co obxectivo de continuar impulsando programas de prevención das adiccións en todos os ámbitos. O acordo contempla tamén servizos de información, orientación, asesoramento e atención xurídico-social destinados tanto ás persoas con problemas de consumo como ás súas familias. Ademais, inclúe a posibilidade de financiar gastos vinculados a procesos de rehabilitación, desintoxicación ou inserción social para aquelas persoas que carezan de recursos.

Durante o pasado ano, Vieiro atendeu un total de 263 solicitudes de información, orientación e asesoramento. Delas, 34 foron de forma presencial na sede situada na avenida da Cristina —cedida polo Concello— e 229 realizáronse por vía telefónica. A maior parte das consultas estiveron relacionadas cos programas de prevención, seguidas pola orientación ás familias para o manexo de condutas de risco e, en terceiro lugar, pola demanda de información sobre centros de deshabituación. Neste último ámbito, destacaron especialmente os casos relacionados co consumo de cocaína e alcohol, sendo esta última a substancia máis habitual entre as persoas que contactan coa entidade.

Ao longo do ano, doce usuarios foron derivados a recursos especializados como Proxecto Home, a Unidade de Condutas Aditivas de Carballo ou o Grupo Noroeste. A asociación mantén tamén un programa de atención xurídico-social dirixido a persoas con calquera tipo de adicción que teñan procedementos legais pendentes. Este servizo atendeu 45 persoas en 2023, das cales o 90% eran homes e máis da metade iniciaran o consumo entre os 19 e os 24 anos.

Vieiro desenvolve igualmente proxectos específicos en colaboración cos centros educativos do municipio, tanto de primaria como de secundaria, ademais das xa consolidadas escolas de nais e pais, que buscan fomentar a prevención desde o ámbito familiar.