Carballo pon en marcha o proceso de licitación do contrato para a redacción do proxecto de mellora da avenida de Fisterra

Tal como se acordara na xuntanza coa conselleira de Vivenda celebrada a mediados de xuño, o Concello de Carballo pon en marcha o proceso de licitación do contrato para a redacción do proxecto de mellora da avenida de Fisterra. O obxectivo fixado naquela reunión é a sinatura, neste 2025, dun convenio de colaboración a tres anos entre as dúas Administracións, de xeito que a obra poida estar executada no 2028.
O anuncio de licitación xa está publicado no perfil do contratante do Concello de Carballo. As empresas interesadas teñen de prazo ata o 22 deste mes para presentar as súas propostas. A partir da sinatura do contrato, a adxudicataria disporá de seis meses para a redacción do proxecto definitivo. O orzamento acada os 72.222,06 €.
O obxecto do contrato é a redacción do proxecto técnico das obras de mellora do treito urbano da estrada AC-552 que se corresponde coa avenida de Fisterra, entre os puntos quilométricos 31+930 e 32+640, é dicir, os 710 metros que abranguen desde o cruce coa rúa Río Anllóns ata a avenida da Revolta.
O goberno municipal de Carballo quere levar a cabo unha intervención integral que inclúa a renovación das redes de abastecemento, saneamento, augas pluviais, iluminación pública e telecomunicacións; a reconfiguración da sección viaria, a ordenación do aparcamento, a mellora das interseccións, a incorporación de zonas verdes e mobiliario urbano, e a integración de solucións que favorezan a drenaxe e o confort térmico.
A relevancia desta actuación enmárcase no obxectivo municipal de reestruturar e humanizar os principais accesos ao centro urbano, promovendo un modelo de mobilidade sustentable e un espazo público de calidade. A actuación prevista responde á necesidade de transformar a avenida de Fisterra nun verdadeiro eixo urbano estruturador, que facilite a mobilidade segura e accesible, favoreza a calidade do espazo público e fomente a cohesión entre barrios e a actividade comercial de proximidade.