Catástrofe medioambiental en Suevos (Arteixo) por vertidos de augas fecais

Veciños de Suevos, no concello de Arteixo, denuncian unha grave situación medioambiental provocada por vertidos continuados de augas fecais que levan anos producíndose sen unha solución efectiva. As imaxes e vídeos achegados pola Plataforma de Defensa da Natureza e da Calidade Ambiental de Arteixo mostran claramente a presenza de toalliñas e outros residuos propios de sumidoiros, así como un forte cheiro perceptible a grandes distancias.

Segundo relatan os afectados, as augas residuais discorren pola estrada DP-3002 ao seu paso polo pobo de Suevos e tamén pola CP-0503, vía que comunica Suevos con Bens. Todos estes vertidos acaban desembocando no mar, chegando directamente ás praias da zona, o que supón un grave risco para o ecosistema mariño e para a saúde pública.

A pesar de que esta problemática se vén repetindo desde hai anos, a resposta das autoridades segue sendo insuficiente. No día de onte déronse avisos á Garda Civil, Policía Local, Gardacostas e ao 112, acudindo unicamente axentes da Garda Civil de Arteixo para comprobar a situación.

Membros da plataforma veciñal PDNC Arteixo procederon á recollida dunha mostra das augas contaminadas co obxectivo de sometela a análise e presentala posteriormente no concello. Dende a plataforma denuncian que este é só un exemplo das múltiples problemáticas ambientais que afectan ao municipio e que permanecen descoñecidas para gran parte da cidadanía.

As probas visuais xa están sobre a mesa; o cheiro e as consecuencias directas seguen a padecelas os veciños.