Comeza a xira da obra ‘A Teteira de Kabul’ por concellos socios do Fondo Galego de Cooperación

Coristanco acollerá a obra de teatro de monicreques A Teteira de Kabul. O Concello de Coristanco únese á xira da obra A Teteira de Kabul, promovida polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, coincidindo co Día Mundial das Persoas Refuxiadas.

Esta emocionante peza de monicreques, da compañía Xarope Tulú en coprodución coa ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz, convida á reflexión sobre as migracións forzosas e o papel das sociedades de acollida. A obra está baseada no conto de Carolina Pujadas, inspirado nos recordos da activista afgá Nadia Ghulam.

✨ Cunha forte presenza da tradición oral feminina, A Teteira de Kabul relata as vivencias das persoas obrigadas a deixar os seus fogares por mor da guerra, da persecución ou da pobreza. Ademais, foi finalista nos Premios María Casares 2024.

📍 Nos vindeiros meses, A Teteira de Kabul visitará unha ducia de concellos socios do Fondo Galego, entre eles Coristanco, con entrada de balde.