
Este xoves, 14 de maio, darán comezo as obras de reurbanización integral da rúa Compostela, no tramo comprendido entre a rotonda da Milagrosa e o cruce coas rúas Emilio González López e José María Castroviejo. A actuación, financiada pola Deputación da Coruña cun investimento de 211.266,61 euros, permitirá mellorar a accesibilidade, renovar as infraestruturas urbanas e avanzar na humanización deste importante acceso á vila.
O proxecto enmárcase na estratexia municipal de transformación urbana e mobilidade sostible, coa finalidade de crear espazos públicos máis seguros, accesibles e funcionais para a veciñanza.
Entre as actuacións previstas destaca a ampliación e renovación das beirarrúas, que pasarán a contar cun ancho mínimo de 1,95 metros, garantindo así o cumprimento da normativa vixente en materia de accesibilidade. Tamén se adaptarán os pasos de peóns existentes e reforzarase a seguridade viaria ao longo de todo o tramo.
As obras incluirán ademais unha renovación integral das redes de servizos urbanos, actuando sobre o saneamento de fecais e pluviais, as canalizacións de telecomunicacións e a iluminación pública. Estas melloras permitirán modernizar infraestruturas fundamentais e incrementar a eficiencia dos servizos.
No ámbito da mobilidade e da humanización urbana, eliminarase a zona de aparcamento situada na marxe esquerda da vía para habilitar novos espazos verdes e zonas de estancia na marxe dereita. O proxecto contempla tamén a instalación de novo mobiliario urbano, a plantación de árbores e a renovación de papeleiras e cubre-contedores.
Así mesmo, renovarase o firme da calzada e a sinalización horizontal e vertical, mellorando as condicións de circulación tanto para vehículos como para peóns.
A empresa encargada da execución dos traballos será Canarga, cun prazo estimado de seis meses. Durante este período, o tráfico de entrada en Carballo poderá desviarse polas rúas Emilio González López e José María Castroviejo, mentres que o tráfico de saída contará como alternativas coa avenida da Milagrosa e a rúa Verdillo.
Con esta actuación, e grazas ao apoio da Deputación da Coruña, o Concello continúa avanzando na mellora e transformación dos espazos públicos da vila, apostando por un urbanismo máis sostible, accesible e pensado para as persoas.