COMUNICADO DOS PAIS E NAIS DO CEIP BAÍÑAS

Comunicado. “En defensa do correcto funcionamento do colexio de Baiñas”.


Dende o pasado 5 de febreiro, o colexio público de Baiñas carece de servizo de
conserxería, un posto que corresponde a un traballador municipal e que, a día de hoxe, o
Concello de Vimianzo continúa sen cubrir.


En repetidas ocasións, a dirección do centro puxo en coñecemento do Concello os
prexuízos que esta situación está a ocasionar no funcionamento diario do colexio. A
ausencia de conserxe obriga ao profesorado a asumir tarefas que non lle corresponden,
como a atención ás familias, a xestión da mensaxería, a atención telefónica ou a apertura
de portas, entre outras. Isto implica que o persoal docente teña que ausentarse das aulas
durante determinados momentos, interrompendo o ritmo normal das clases e afectando
directamente ao proceso de ensino-aprendizaxe do alumnado.


Ademais, esta situación pode ter consecuencias graves en materia de seguridade,
especialmente nas aulas de educación infantil. No caso de producirse unha urxencia,
non existiría persoal dispoñible para atender de inmediato a situación, o que supón un
risco innecesario e evitable.
Pese ás múltiples chamadas e solicitudes realizadas dende a dirección do centro, o
Concello fixo oídos xordos ás peticións. Nunha das últimas comunicacións, ofreceu
como única alternativa a incorporación dunha traballadora do servizo de limpeza
durante tres horas ao día, unha medida claramente insuficiente que non cobre nin de
lonxe as necesidades reais do centro nin o horario que desempeña habitualmente o
conserxe.


As familias do colexio público de Baiñas non somos familias de segunda nin de terceira
categoría. Temos dereito a unha educación pública de calidade en igualdade de
condicións que o resto da cidadanía. A solución proposta polo Concello non resolve o
problema, senón que o parchea de maneira parcial e ineficaz.


Cómpre lembrar que o posto de conserxería é de titularidade municipal, polo que é
responsabilidade do Concello garantir a súa cobertura en caso de baixa médica,
excedencia ou calquera outra circunstancia. Non existe, polo tanto, ningunha
xustificación válida para manter esta situación no tempo.


Á vista do exposto, consideramos inxusto, discriminatorio e totalmente inaceptable o
trato que está a recibir o alumnado deste centro e, por extensión, as súas familias e o
equipo educativo, que cada día traballa co máximo compromiso para ofrecer a mellor
educación posible.


Por todo isto, instamos ao Concello de Vimianzo a reflexionar e a actuar con
responsabilidade, procedendo á cobertura inmediata da praza de conserxería, aínda que
sexa de maneira temporal, co fin de garantir o correcto funcionamento do colexio e o
benestar de toda a comunidade educativa.