
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, asinaron hoxe o convenio polo cal o noso concello cede de xeito gratuíto á Xunta de Galicia unha parcela de 1.998 metros cadrados para a construción dun edificio de promoción pública de 73 vivendas.
A conselleira anunciou que ao mesmo tempo foi publicado no perfil do contratante da Xunta de Galicia o anuncio de licitación da redacción do proxecto e dirección de obra, por un importe de 549.708,69 euros. A construción do edificio suporá un investimento próximo aos 14 millóns de euros, e María M. Allegue avanzou que está previsto rematalo no ano 2028.
A sinatura do convenio entre as dúas Administracións realizouse na propia parcela que albergará o inmoble, situada na rúa Médico José Manuel Lado, e que está valorada en 761.182 euros. Ademais do alcalde e a conselleira, no acto participou o secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García Porto, que explicou as características do edificio, que contará con planta baixa, tres andares e posibilidade de aproveitamento baixo cuberta.
O alcalde agradeceu o investimento, xa que, por unha banda, vai permitir ofrecer vivenda a prezos “racionais” nun concello en constante crecemento coma o noso, ademais de revitalizar un ámbito no que tivo gran incidencia a crise inmobiliaria do 2008 e que ofrece unhas características excepcionais, dada a súa proximidade a variedade de servizos, para seguir medrando con promocións públicas e privadas.
Video Concello Carballo