CONCENTRACIÓN CONTRA A GUERRA IMPERIALISTA. Convocada pola Plataforma Galiza pola Paz. Co apoio do BNG Costa da Morte.

A Praza Castelao de Corcubión acolleu este luns 16 de marzo unha concentración en favor da paz e para rexeitar a guerra imperialista impulsada polos Estados Unidos, Israel e a OTAN.

No acto douse lectura dun manifesto da plataforma, no que se aposta por unha paz real, construída sobre o respecto á soberanía dos pobos, a que implica deixar en paz os pobos de Irán, do Líbano, da Palestina, de Cuba, de Venezuela… A que esixe o fin de toda agresión militar e de todo bloqueo.

Así mesmo, subliñouse que o aumento escandaloso do prezo dos combustíbeis que acompaña cada guerra tradúcese de maneira inmediata nun aumento do custo da vida que recae sobre a maioria social, sobre a clase traballadora.

Manifesto

Compañeiras, compañeiros
Estamos aquí, nesta praza e noutras rúas e prazas da Galiza, porque a agresión imperialista
que ia ser cuestión de días, case un paseo triunfal do imperialismo sobre os cadáveres de
mais un pobo da Asia Occidental, aquela agresión contra a que xa nos mobilizamos hai duas
semanas, demostrou ser o que xa denunciábamos: o inicio dunha nova guerra longa e de
consecuencias imprevisíbeis.
Esta guerra non é un asunto afastado que ocorre nalgún lugar do mapa que non nos afecta.
Estamos aquí porque a guerra que os Estados Unidos e Israel levan a cabo contra o Irán non
comeza nin remata no Irán, senón que fai parte dun patrón global de dominación
imperialista que xa coñecemos demasiado ben e contra o que só cabe a mobilización e a
presión desde as rúas a quen nos goberna.
Non podemos ficar en silencio diante de quen pretende reformular as relacións entre pobos
en base á lei do mais forte e á impunidade organizada. Non podemos ficar en casa diante dun
sistema no que dous actores — os Estados Unidos e o seu cliente, o chamado Estado de Israel
— fan e desfán á vontade, en calquera lugar, en calquera momento, sen que ninguén lles
poida pedir contas. Un sistema no que a chamada «orde internacional baseada en regras» é
pura ficción ao servizo dos poderosos e no que as únicas regras que valen son as que eles
impoñen e mudan de acordo aos seus intereses de cada momento. Un sistema, ademais, no
que, a través da OTAN e dunha submisión incondicional á política exterior de Washington,
os gobernos que nos representan nos arrastran periodicamente a guerras que non son nosas,
que non queremos, e nas que non temos absolutamente nada a gañar.
Afirmámolo con toda a clareza: a guerra contra o Irán é a mesma guerra de aniquilación da
Palestina que, en Gaza, toma forma de xenocidio, e que continúa ainda que os grandes
medios de comunicación a dean por descontada e apaguen os focos e por moito que se teña
asinado un plano de paz que cumpre 5 meses sen que nin un só día se teñan dado pasos reais
cara á paz. É a mesma guerra que en Cuba toma forma de embargo e dun bloqueo criminal
que dura xa máis de seis décadas e que pretende estrangular un pobo pola súa negativa a
someterse. É a mesma guerra que na Venezuela tomou forma de consecutivos intentos de
golpe de estado, de guarimbas financiadas desde o exterior, de bloqueos navais e sancións
económicas salvaxes, e que chegou ao extremo do secuestro do presidente Nicolás Maduro e
da deputada Cilia Flores. É a mesma guerra que ameaza permanentemente o Líbano coa
invasión terrestre, e o Iemen con ataques aéreos día a día, semana tras semana, desde hai
anos. É a mesma guerra que conseguiu derrubar o goberno sirio e colocar á cabeza o xefe
local dos xiadistas.
É a mesma guerra porque ten o mesmo autor, o mesmo obxectivo e a mesma lóxica: someter
ou destruír calquera pobo que se atreva a exercer a súa soberanía con independencia das
directrices de Washington. Apoderarse de recursos naturais e enerxéticos. Tomar e controlar
posicións xeoestratéxicas. E tratar de bloquear, como for, a emerxencia dun mundo
multipolar, con relacións mais horizontais e respeito á libre vontade dos pobos do mundo.
Estamos, pois, diante dunha guerra que é global. Que destrúe e masacra simultaneamente en
diferentes lugares, e que tamén nos afecta aquí, ainda que esteamos xeograficamente lonxe
de onde caen as bombas.
O aumento escandaloso do prezo dos combustíbeis que acompaña cada escalada bélica do
eixo imperialista encabezado polos Estados Unidos tradúcese de maneira inmediata nun
aumento do custo da vida que recae sobre nós, sobre a maioria social, sobre a clase
traballadora. Somos as traballadoras e os traballadores quen pagamos os custos dunha
guerra que nunca decidimos na factura da luz, no prezo do gas, na compra que facemos no
mercado. Por iso exiximos do goberno unha intervención directa e inmediata para evitar a
especulación dos bens de consumo básicos coa excusa da guerra. Non pode ser que mentres
os grandes fondos de investimento e as compañías enerxéticas multiplican os seus
beneficios, as familias traballadoras teñan que escoller entre quentar a casa ou comer.
Mais non só estamos aqui a exixir medidas económicas. Exiximos tamén coherencia política.
Este goberno español, que se postura como defensor da paz e da orde internacional, que trata
de apropiarse do «non á guerra» de cara á galería, enviou ao mesmo tempo un buque de
guerra desde a base de Ferrol ás augas do Mediterráneo Oriental para participar nunha
operación militar ao abeiro da OTAN que nin sequera está formalmente declarada. Esta
hipocrisía non ten nome nin xustificación posíbel. Non serve de nada proclamarse pacifista
mentres se mandan barcos de guerra a envolverse na guerra. Non se pode defender o
dereito internacional mentres se poñen infraestruturas e equipamentos militares ao servizo
da potencia agresora.
Neste sentido, exiximos tamén, como sempre, unha política de neutralidade activa. Exiximos
que o Estado español non participe na misión de forza naval proposta por Trump para
desbloquear o estreito de Ormuz. Porque o desbloqueo dese estreito non pode ser
consecuencia dunha nova intervención militar que nos afunda aínda máis nesta guerra,
senón que debe ser o resultado lóxico e necesario do fin das hostilidades e da retirada das
forzas imperialistas da zona. Usar o bloqueo como pretexto para ampliar a presenza militar
occidental en augas estratéxicas é parte da mesma lóxica de dominación que denunciamos
neste manifesto.
Queremos a paz. Mais non nos interesa a paz como palabra baleira nin como paréntese entre
guerras. Interésanos a paz real: a que se constrúe sobre o respeito á soberanía dos pobos, a
que implica deixar en paz os pobos de Irán, do Líbano, da Palestina, de Cuba, de Venezuela…
A que esixe o fin de toda agresión militar, de todo embargo, de todo bloqueo, de toda
inxerencia. Se o imperialismo, a OTAN, os Estados Unidos, a Unión Europea e o Estado
sionista de Israel precisan desesperadamente da guerra para preservar a súa posición
hexemónica, entón os pobos — todos os pobos, obviamente tamén o noso — temos un só
camiño: defender decididamente a paz.
Fronte á escalada bélica que nos ameaza, a resposta non pode ser a resignación nin o
silencio. A resposta é a mobilización social. Nós estamos aquí hoxe. E seguiremos aquí até
que as guerras do imperialismo rematen.
Non á guerra imperialista!
Galiza pola Paz!