Corcubión aposta pola renaturalización do Monte de San Andrés

O Pleno celebrado o 5 de febreiro de 2026 aprobou por maioría absoluta o convenio para poñer en marcha a recuperación ambiental do Monte de San Andrés.

Este acordo supón un fito especialmente relevante, froito dun proceso iniciado no ano 2017, coa aprobación dunha moción presentada pola Asociación Eco-Social e Cultural Boca de Sapo de Corcubión. Ao longo destes anos estiveron implicadas diferentes corporacións municipais, que apoiaron a iniciativa e contribuíron a que hoxe sexa unha realidade. O proxecto contou co respaldo maioritario de distintas forzas políticas, evidenciando un amplo consenso arredor desta proposta pioneira.

Cómpre salientar tamén o interese da Universidade de Vigo, que participa no proxecto achegando rigor científico e experiencia técnica. A UVigo xa conta con convenios similares no ámbito público, o que reforza a solvencia e viabilidade desta iniciativa.

🔹Doce hectáreas de eucaliptal transformaranse nun bosque de frondosas autóctonas.

🔹 O proxecto desenvolverase xunto á Universidade de Vigo e “Boca de Sapo” (Comunidade eco-social e cultural), de Corcubión.

🔹 Financiarase cos ingresos da propia madeira, sen custo para a veciñanza.

Durante os próximos catro anos traballarase nun modelo de rexeneración natural e xestión sostible, co obxectivo de recuperar o valor ambiental do monte e avanzar na súa protección.

O grupo de Goberno quere expresar o seu profundo agradecemento á Universidade de Vigo, á Asociación Boca de Sapo, ás distintas corporacións que ao longo destes anos apoiaron a iniciativa e a todas as persoas que fixeron posible que este proxecto colectivo sexa hoxe unha realidade.

Un paso firme cara a un Corcubión máis sostible, construído desde o diálogo, o consenso e o compromiso coa nosa terra.