
A actuación dun condutor fisterrán de 30 anos obrigou a Policía Local de Carballo a activar un amplo dispositivo na madrugada do sábado. O individuo está a ser investigado polas vías administrativa e penal despois de fuxir dun control, conducir sen permiso, poñer en risco outros usuarios da vía e dar positivo en alcohol e cocaína.
Os feitos tiveron lugar pouco despois das dúas da mañá, durante un control preventivo na avenida de Malpica. Un vehículo aproximouse ao punto, pero o seu condutor decidiu acelerar e emprender a fuga a gran velocidade. A patrulla iniciou unha persecución que se prolongou por varias rúas do casco urbano, onde o turismo chegou a superar os 90 km/h, segundo consta no atestado.
Tras abandonar a zona urbana, o fuxitivo incorporouse á autoestrada AG-55. Foi neste punto onde perdeu o control do vehículo e sufriu unha saída de vía, supostamente debido ao exceso de velocidade. Unha vez comprobado que non presentaba lesións, os axentes realizáronlle as probas de alcoholemia e detección de drogas, nas que deu positivo en ambos casos. Os resultados deberán ser confirmados polo laboratorio.
Paralelamente, a Policía Local abriu dilixencias por condución temeraria, evasión dun control policial e por circular sen permiso, xa que na base de datos figura como titular dun carné retirado pola perda total de puntos.