
A cuadrilla de caza de Baíñas denunciou a morte de catro cans que caeron a un canal situado na parroquia de Carantoña, no concello de Vimianzo, mentres participaban nunha batida realizada o pasado sábado. Os feitos foron comunicados á Garda Civil, ao servizo de Medio Ambiente e á federación provincial de caza.
Segundo explican os donos dos animais, o canal non conta con medidas de seguridade axeitadas, polo que supón un perigo tanto para os cans como para as persoas que transitan ou realizan actividades na zona. Aseguran tamén que non é un caso illado, xa que nese mesmo punto xa se produciron outros accidentes con anterioridade.
Os propietarios reclaman unha actuación urxente para sinalizar ou acondicionar a instalación e evitar que se repitan feitos semellantes. Desde a cuadrilla lamentan fondamente a perda dos animais e confían en que a denuncia sirva para que as administracións competentes adopten medidas canto antes.