
O espírito da cultura e da inclusión foi o gran protagonista da xornada inaugural da XVIII Mostra de Teatro Xosé Agrelo, incluída na programación do Mes das Letras do Concello de Muros.
O acto celebrouse cun auditorio completamente cheo no Centro Xuvenil de Muros, onde alumnado dos colexios de Louro, Esteiro e Serres, xunto coas persoas usuarias do centro de día, gozaron de dúas representacións teatrais marcadas pola emoción, o humor e a entrega dos seus intérpretes.
As grandes protagonistas desta primeira sesión foron as persoas de Adisbismur, entidade que traballa diariamente pola integración, a inclusión e a participación activa das persoas con discapacidade. A súa posta en escena puxo en valor o papel da cultura como ferramenta de cohesión social e construción de comunidade.
A concelleira de Lingua, Laura Rivadeneira, foi a encargada de inaugurar a mostra cunhas palabras de agradecemento e recoñecemento ao labor da asociación:
“Adiabismur é un exemplo para toda a comarca. O seu traballo vai moito máis alá do escenario: constrúen inclusión, autoestima e convivencia. Hoxe déronnos unha lección de entusiasmo e de amor pola cultura.”
“É unha honra inaugurar esta mostra vendo un auditorio cheo para apoiar un proxecto tan humano e necesario. Grazas por emocionarnos e por facer da cultura un espazo aberto para todas e todos.”
A actividade desenvolveuse no Centro Xuvenil de Muros, convertido nun punto de encontro interxeracional no que a cultura teatral volveu demostrar a súa capacidade para emocionar, unir e transformar.




