Espazo Común Galeguísta reclama unha reforma ambiciosa do municipalismo galego fronte a cambios meramente formais.

Espazo Común Galeguísta considera que o debate aberto nas últimas semanas sobre o financiamento local e sobre a futura Lei de Administración Local evidencia unha realidade clara: o municipalismo galego precisa reformas profundas e estruturais, non cambios meramente formais.

A formación galeguista e municipalista lembra que o recente estudo elaborado pola Universidade de Santiago de Compostela para a Fegamp sinala que o actual sistema de financiamento local está obsoleto e xa non responde ás necesidades reais dos concellos galegos. Para Espazo Común Galeguísta, esta análise confirma o que moitos gobernos municipais levan anos denunciando: os concellos están asumindo cada vez máis responsabilidades sen contar cos recursos suficientes.

“Os concellos son a primeira administración á que acode a veciñanza, pero levan décadas funcionando cun modelo de financiamento desfasado, mentres aumentan as competencias e as demandas sociais”, sinalan desde a organización.

Neste contexto, Espazo Común Galeguísta tamén ve con escepticismo algunhas das propostas incluídas no debate da nova Lei de Administración Local, como a introdución da figura da vicealcaldía nos concellos de máis de 30.000 habitantes.

A organización lembra que nos concellos galegos as funcións que agora se pretenden asociar ás vicealcaldías xa viñan sendo exercidas desde hai anos polas tenencias de alcaldía ou polos concelleiros e concelleiras responsables de áreas de goberno. “Estamos ante unha medida máis simbólica que transformadora”, explican.

Esta mesma reflexión foi trasladada tamén nas redes sociais pola organización esta mesma mañá, cunha mensaxe clara: “Vicealcaldías: cambiar o nome das cousas non resolve os problemas do municipalismo galego.”

Para Espazo Común Galeguísta, o verdadeiro problema dos concellos non é a falta de cargos institucionais, senón a falta de poder real, financiamento suficiente e un reparto claro das competencias entre administracións.

Galicia conta cunha estrutura territorial complexa, marcada pola dispersión da poboación, o envellecemento e unha ampla rede de pequenos e medianos concellos que sosteñen boa parte dos servizos de proximidade. Neste contexto, a formación considera que a prioridade debería ser reforzar a autonomía municipal e dotar os gobernos locais dos recursos necesarios para afrontar retos como a despoboación, o desenvolvemento económico local ou a prestación de servizos públicos de calidade.

Por iso, Espazo Común Galeguísta defende a necesidade de impulsar un novo pacto local para Galicia, baseado en tres principios fundamentais:

máis autonomía financeira para os concellos,

un reparto máis xusto dos recursos entre administracións,

e un sistema que teña en conta as singularidades territoriais e demográficas galegas.

“Se a nova Lei de Administración Local non aborda estas cuestións estruturais, corre o risco de quedar nunha reforma centrada na forma e non no fondo”, advirten desde a organización.

Espazo Común Galeguísta conclúe que reforzar o municipalismo é tamén reforzar a cohesión territorial e o futuro de Galicia. “O futuro do país tamén se constrúe desde os concellos, e iso require máis municipalismo real e menos cambios meramente nominais”.