Esta mañá inaugurouse o Mercado Mariñeiro de Fisterra.

O Concello de Fisterra celebrou un emotivo acto institucional coa presenza do alcalde, Luis Insua; do director de Portos de Galicia, Juan Sanmartín; e da xerente do GALP Costa da Morte, Manuela Oviedo. A cita reuniu tamén ao patrón maior, Joaquín Fábregas, aos patróns maiores da comarca, membros da corporación municipal, peixeiros e peixeiras, veciñanza e visitantes, que quixeron acompañar a inauguración do novo Mercado Mariñeiro.

Na intervención institucional subliñouse o compromiso de traballar da man do sector, remando na mesma dirección para garantir a súa continuidade. Destacouse o valor do peixe da Costa da Morte, non só pola súa calidade, senón tamén pola súa profunda vinculación ás raíces culturais e á identidade da zona, ademais do seu peso económico e social.

O novo espazo foi concibido como un reflexo da esencia mariñeira de Fisterra: as cores do Atlántico, as ondas dun mar que marca o carácter da vila do Cristo e que forma parte inseparable da súa cultura e modo de vida. O mercado abrirá as súas portas nos vindeiros días, unha vez ultimados os detalles necesarios para garantir o confort dos seus traballadores e o correcto funcionamento das instalacións.

Entre as novidades, o edificio incorpora unha zona específica para a venda de produtos agrícolas e gandeiros, coidada ao mínimo detalle, así como áreas destinadas a mellorar a operatividade das peixeiras e peixeiros locais, favorecendo a comercialización dos produtos máis prezados da vila.

O acto contou cun momento especialmente emotivo coa participación do pequeno Kevin, que interpretou pezas tradicionais facendo vibrar ao público coa música e cultura propias da terra. A xornada pechouse cunha degustación de produto local elaborada por Fran e María, do restaurante Casa da Vila de Fisterra, quen puxeron en valor a gastronomía da zona cunha proposta realizada con dedicación e agarimo.