
O carballés Fran Gómez disputará este luns a terceira etapa do Dakar Rally desde a sétima posición da clasificación xeral na categoría Misión 1000, reservada ás motos eléctricas. A xornada desenvolverase integramente en Alula, cun percorrido cronometrado de 87 quilómetros, no que o piloto galego buscará seguir mellorando as súas prestacións.
Tras un inicio discreto, Gómez vai de menos a máis nesta 47ª edición do Dakar. Na primeira etapa, do mesmo xeito que no prólogo, ambos con saída e chegada en Yanbu, rematou na sétima posición tras completar o 12 % dos 93 quilómetros cronometrados. Na segunda xornada, entre Yanbu e Alula, conseguiu completar a totalidade do trazado de 91 quilómetros e asinou un quinto posto, aínda que este resultado non lle permitiu gañar posicións na xeral.
Na competición tamén participan a granadina Esther Merino e o madrileño Miguel Puertas. Merino ocupa a sexta posición da xeral, tras finalizar quinta no prólogo e sexta nas dúas primeiras etapas. Pola súa banda, Puertas é o mellor clasificado do equipo galego, cuarto na xeral, despois de ser terceiro e sétimo nas dúas primeiras etapas e sétimo no prólogo.
O Dakar Rally prolongarase ata o vindeiro 17 de xaneiro e conta con 13 etapas, ademais dunha xornada de descanso. Nesta edición, a novena para Fran Gómez Pallas, o principal obxectivo é completar a proba coa súa moto eléctrica, un reto que non puido culminar en 2024.