
O deputado do BNG acusa a Lorenzana de non tomar medidas malia que había advertencias técnicas desde hai anos de risco de desastre ambiental
Santiago de Compostela, 11 de febreiro, 2026. Pleno.- O deputado do BNG pola Costa da Morte, Oscar Insua, emprazou á conselleira de Industria, María Jesús Lorenzana, a asumir responsabilidades pola súa actuación neglixente na mina de Monte Neme, e advertiu dos problemas de seguridade que persisten na zona da vella explotación, onde vén de producirse un novo derrubamento e unha enorme fenda nun dos noiros.
“O seu traballo, conselleira, era manter a seguridade na mina de Monte Neme, e incumpriuse. Que ten que pasar para que o seu goberno asuma algunha responsabilidade?”, preguntoulle o deputado nacionalista á conselleira, á que acusou de obviar as advertencias técnicas que había desde hai anos. Malia que o risco en Monte Neme era “público e notorio”, criticou, o PP na Xunta non adoptou ningunha “medida efectiva” para evitar un desastre ambiental como o acontecido pasado 31 de xaneiro, unha avalancha de auga con lodo que alcanzou os catro metros de altura e os 10.000 metros cúbicos de volume, arrastrando durante dous quilómetros todo o que atopou por diante.
Se o risco era coñecido e as competencias da Xunta, “estamos ante un fallo grave dos controis ou ante unha decisión consciente de non actuar”, denunciou Insua, quen subliñou que o Concello de Carballo leva desde o ano 2013 avisando por escrito da necesidade de restaurar a “desfeita mineira” e de adoptar medidas de seguridade en Monte Neme, onde —lembrou— xa rompeu unha balsa en 2014, provocando daquela unha riada de 24.000 metros cúbicos de auga que chegou ás casas en Razo e Aviño.
Afondando na denuncia de “inacción previa” da Consellería, o deputado do BNG subliñou así mesmo que xa en 2024 o Concello de Carballo advertiu aos responsables de minas que existía unha galería nunha das balsas, que foi a que acabou rebentando. “Como é posible que non se contemplara a súa existencia no proxecto de restauración nin nos estudos xeotécnicos previos?”, inquiriu Insua, destacando a “preocupación” coa que viven os veciños da zona, máis agora tras o novo incidente que se produciu onte na galería.
A conselleira no dá explicacións polas seis horas de retraso
O deputado do BNG denunciou ademais o retraso na activación da emerxencia tras a avalancha do 31 de xaneiro, seis horas máis tarde desde que unha veciña desde a voz de alarma cunha chamada ao 112. “Poden estar os veciños e veciñas tranquilas?, preguntou Insua, que afeou á conselleira que non dese explicacións sobre esa demora na activación da emerxencia. Reprobou, ademais, que desde a Consellería intenten botarlle a culpa do sucedido ás chuvias e ao tempo destes días cando, subliñou, en Malpica nos últimos cinco anos houbo seis meses con máis precipitacións que este último mes de xaneiro.
Na mesma pregunta parlamentaria, o deputado da Costa da Morte instou á conselleira a aclarar se houbo modificación do proxecto de restauración da mina, posto que este contemplaba un bombeo de auga dunha balsa a outra para despois depurala que acabou facéndose ao revés do previsto. A balsa que rebentou, explicou, foi a que recibiu a auga.
“Os feitos falan por si mesmos: isto non foi unha sorpresa nin un accidente, foi unha decisión política da Consellería que agora debe asumir responsabilidades”, concluíu.
Audio