
O coordinador de UCIN Galicia, José Luis Calo, instou publicamente aos grupos da oposición no Concello de Ames —o PP de Ames e o BNG— a presentar unha moción de censura para provocar un cambio inmediato no goberno municipal.
Calo pide “devolver a voz á veciñanza”
Calo deu este paso tras recoller as críticas e o malestar expresado por veciños do municipio, que denuncian unha falta de rumbo e liderado no Concello. Segundo afirmou, “é o momento de que a oposición se poña de acordo, escolla un candidato e active unha ferramenta democrática que permita abrir unha nova etapa política en Ames”.
O responsable de UCIN foi contundente ao sinalar que “dicir que se quere o mellor para a veciñanza debe traducirse en feitos”. Na súa opinión, se os grupos opositores consideran que o actual alcalde non está á altura, “teñen a responsabilidade de actuar e non buscar escusas”.
Críticas ao bloqueo político
Calo advertiu de que a situación política local derivou nun clima de confrontación que, ao seu xuízo, prexudica directamente á cidadanía. “Os veciños non poden seguir atrapados en xogos partidistas nin en estratexias internas que paralizan a xestión municipal”, asegurou.
Ademais, advertiu de que se nun prazo curto todo continúa igual, “terán perdido todos: o goberno, a oposición e, sobre todo, Ames”.
UCIN preséntase como alternativa
Desde UCIN Galicia defenden que chegou o momento de “romper coa partitocracia tradicional” e apostar por un modelo centrado na xestión, a transparencia e as persoas.
Calo subliñou que a formación está disposta a liderar un proxecto municipalista que recupere a confianza cidadá e priorice o benestar dos veciños por enriba de calquera cálculo político.
Con este posicionamento, UCIN Galicia busca situarse como unha opción de cambio no Concello de Ames e apela á responsabilidade dos grupos municipais para desbloquear a situación política no municipio.