Konflikto, Soziedad Alkoholica, Benito Kamelas e Dirkschneider, pratos fortes da nova edición do Flores Rock, que arrinca este venres 5 de setembro

Barrio das Flores vivirá esta fin de semana unha nova edición do festival Flores Rock, un das grandes celebracións anuais do distrito coruñés, e que volverá ao grande con grupos como Konflikto, Soziedad Alkoholica, Benito Kamelas e Dirkschneider como varios dos pratos fortes desta edición.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, presentou esta mañá a programación completa, organizada entre o Concello e a Plataforma Veciñal do Barrio das Flores. Arrincará o venres 5 e, ata o domingo 7, serán tres días consecutivos de festexos en puntos como a praza do Sol Nacente e a praza central do barrio.

«Haberá concertos e actividades para todos os públicos. Ademais das actuacións, contaremos coa programación do Flores Kids, con propostas para os máis pequenos, e tamén disfrutaremos do Mercado do Flores, con música en directo, gastronomía e a oferta de case medio cento de postos de artesanía», precisou Castro.

A primeira xornada, a do venres 5, contará coas actuacións de Far Away Place (20.00 horas), Nashgul (21.15), Dirkschneider (22.30) e o peche de Dark Embrace (00.15).

Xa o sábado 6, a partir do mediodía, haberá actividades e concertos: a actuación de Costas (13.15), o espectáculo de Pako Pakolas para o público infantil (18.00) e, a continuación, arrincarán as actuacións previstas entre a tarde e a noite, con Raiade (19.00), Benito Kamelas (20.15), Konflikto (22.00), Demenzia Sozial (22.50), Soziedad Alkoholica (23.35) e Nucleus (01.20).

O peche desta edición terá lugar o domingo 7. Novamente, con actividades para todos os públicos. A partir das 11.00, a gran praza central do barrio acollerá o Mercado do Flores, que se prolongará durante todo o día, ata as 20.00 horas. Haberá tempo para disfrutar das actuacións de Maghúa (12.15), Duo Chili (13.15), Collón de Lola (14.15) e Yaya DJ (15.30).

As agrupacións gañadoras da batalla de bandas, presentes na programación

Como xa é habitual no Flores Rock, a programación inclúe a agrupacións locais que participan no festival tras tomar parte na batalla de bandas que se celebra no mes de maio. 

Este ano, os grupos gañadores foron Far Away Place e Nucleus, que actuarán no Barrio das Flores. «Iniciativas como esta visibilizan ao talento local e contribúen a abrir camiño ás agrupacións coruñesas próximas ao rock e o metal, entre moitos máis xéneros», puxo en valor Castro.