
O sorteo dunha viaxe a Gran Canaria está despertando moito interese no barrio carballés.
Hoxe e mañá serán os últimos días para poder facerse cunha entrada para o cuarto xantar da Milagrosa que organiza a comisión de festas en colaboración con varias entidades. Será este sábado con sesión vermú xa no polideportivo do colexio Xesús San Luis Romero. Haberá lagostinos, polbo á feira, churrasco… E máis música soará de tarde, xa nunha carpa, con acceso gratuíto. O prezo da comida é de 40 euros, que se quedan en 20 para os nenos de 6 a 12 anos, e gratis ata os 5. As entradas pódense conseguir no local da comisión na Avenida da Milagrosa, a través da comisión ou no teléfono 618.274.198. En realidade, o prazo rematou xa o sábado, pero explica o presidente da comisión, José Luís Barca, Luitino, que sempre deixan un prazo extra para aqueles que agardan á última hora. Xa son máis de 300 os anotados.
Sorteo de viaxe ás Canarias
Un aspecto do cartel está chamando moito a atención no barrio carballés. Non é outro que o sorteo dunha viaxe a Gran Canaria para dúas persoas. Inclúe a estancia e o almorzo durante unha semana. «É algo que nunca sorteamos nin se fai na zona e está gustando», comenta Luitino. Sortearanse a maiores preto de medio centro de agasallos. «É unha actividade para facer barrio, para compartir e xuntarse», sostén. Logo a festa continuará co Presan Xoán.