
A Consellería do Medio Rural publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución das axudas para o fomento de uso de maquinaria agrícola en común, que se resolven cun orzamento de 3,6 millóns de euros para 27 cooperativas, despois da ampliación de crédito realizada. Cómpre destacar que esta é a segunda convocatoria sobre a materia, e que se suma aos beneficiarios da primeira, un total de 34 entidades e 2,4 millóns de euros de investimento.
Estas achegas teñen como obxectivo promover a utilización e equipamentos agropecuarios en réxime asociativo e fomentar a introdución de novas tecnoloxías. Ademais, favorecen a racionalización dos custos de mecanización, incrementan os mecanismos de seguranza no traballo, reducen as emisións contaminantes e fomentan o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.
Estas subvencións, que van destinadas a cooperativas agrarias e sociedades agrarias de transformación (SAT) procedentes de fusión, supoñen para estas entidades unha importante redución dos seus custos de produción. Así, o importe de axuda que pode recibir cada beneficiario é do 35 % dos custos da maquinaria, con posibilidade de incrementalos ata un máximo do 50 %.
Ligazón á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20251031/AnuncioG0426-281025-0001_es.html