
A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou hoxe as instalacións do Centro de Sementes Forestais de Galicia (Semfor), situado en Carballo, onde salientou o seu labor a prol da reprodución forestal nos montes da nosa comunidade. Este centro é unha referencia no sector, que subministra a súa produción cun prezo público aos viveiros forestais rexistrados, ademais de destinar pequenas cantidades de semente para proxectos de rexeneración, educación forestal, investigación e divulgación.
Na primeira revisión do Plan Forestal de Galicia 2021-2040, “cara á neutralidade carbónica”, establécese a necesidade de contar cun material forestal de reprodución de alta calidade xenética que permita ás especies forestais prosperar nun medio condicionado por factores coma o cambio climático ou as enfermidades e doenzas.
Para iso, é necesario dispor de estruturas de conservación e mellora os recursos xenéticos forestais, asegurando a súa sanidade e vitalidade. Neste sentido, o labor deste viveiro Semfor e os traballos de selección de boas mouteiras no monte permiten a mellora dos procesos que levan a garantir unha semente sa e capaz.