
Do 12 ao 14 de decembro, a Praza do Campo da Feira de Santa Comba acolleu unha nova edición do Mercadiño de Nadal, un evento que reuniu a 18 expositores dos sectores do comercio, alimentación, servizos e artesanía. Durante tres días, veciños e visitantes puideron gozar dun espazo pensado para mercar agasallos nestas datas tan especiais, apoiando ao mesmo tempo o comercio local.
A programación incluíu talleres e obradoiros de manualidades de Nadal, actuacións de maxia e as visitas máis agardadas polos máis pequenos: Papá Noel e o Paxe Real. Ademais, realizouse o sorteo diario dunha cesta de Nadal entre todos os clientes que realizaron compras en calquera dos expositores participantes.
O Mercadiño contou cunha gran afluencia de público e cun notable volume de vendas, consolidándose como unha cita clave dentro da Campaña de Nadal organizada pola Asociación de Empresarios de Santa Comba. Esta campaña desenvólvese do 5 de decembro ao 5 de xaneiro e sortea un total de 1.200 € en vales de compra, que se poderán canxear en premios de 100 € cada mes ao longo do ano 2026.
Baixo o lema “No Nadal elixe o comercio local, merca en Santa Comba”, a entidade continúa apostando pola dinamización económica e social do municipio. Así mesmo, colabora co Concello de Santa Comba na organización do XIX Concurso de Decoración de Escaparates de Nadal, reforzando o ambiente festivo e a implicación do tecido empresarial local.
