MOCIÓN DE REXEITAMENTO Á MODIFICACIÓN DA LEI DO PATRIMONIO CULTURALDE GALICIA PROMOVIDA POLA XUNTA

Dona Carolina Castiñeiras Brandón, portavoz do Grupo municipal do BNG no concello da
Laracha, ao abeiro da lexislación vixente, presenta para o seu debate e, se procede, posterior aprobación, a seguinte MOCIÓN
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
O próximo mes de maio de 2026 vanse cumprir dez anos da aprobación da Lei 5/2016, do
patrimonio cultural de Galiza, que naceu coa pretensión de ser a base normativa
fundamental na que se recollese o compromiso de Galiza co seu basto patrimonio cultural
e histórico.
No entanto, o texto legal xa viu a luz dunha forma precaria e, cando menos, mellorábel,xa
que a lei desvirtuaba a lei precedente do ano 1995, tal e como argumentou o BNG na fase
de tramitación parlamentaria: o PP propoñía unha nova lei que desgaleguizaba a lexislación
galega, desprotexía o patrimonio cultural e representaba unha política de defunción do noso
patrimonio cultural.
A lei de patrimonio foi modificada varias veces e na enésima modificación, a través da Lei
de acompañamento dos orzamentos para 2026 preténdese unha “reforma para mellorar a
xestión, axilizar os trámites e reforzar a implicación dos concellos na protección do
patrimonio cultural”.
Na práctica, dez anos despois, lonxe de ampliar as competencias e operatividade efectiva
por parte da Xunta, o PP foi baleirando a Lei de patrimonio cultural de contido, de
capacidade executiva e operativa ao mesmo tempo.
Unha das consecuencias desta nova modificación é unha delegación masiva de
competencias nos concellos nos ámbitos protexidos do patrimonio cultural, volvendo
sobrecargar co peso de máis competencias impropias, a responsabilidade e a xestión nas
administracións locais, que, por outra parte, non teñen na maior parte dos casos
capacidade, medios, persoal especializado (arquitectos, arqueólogas…) nin recursos
económicos para informar nin actuar no ámbito do patrimonio cultural. Isto terá como
consecuencia que haxa unha total disparidade de criterios na aplicación da norma nos
diferentes concellos de Galiza e a consecuente desprotección do patrimonio de todas as
galegas e galegos.
A delegación, como estabelecía inicialmente a lei, é exclusiva para concellos que cumpran
cunha serie de condicións, sobre todo en canto ao persoal técnico suficiente en número e
capacitación, mais a Xunta obvia este tema maior e obvia eses requisitos.
No caso concreto da Laracha vimos de estrear o recoñecemento de BIC para un
monumento local, As Torres de Cillobre que son, dende logo, exemplo da deixadez e mala
praxe durante o último medio século XX. Cómpre lembrar que, aínda que as primeiras leis
de protección do patrimonio a nivel estatal se promulgaron durante a II República e
conservaron o seu texto base ate o ano 1985 (art. 45 ), onde incluso no ano 1949 se
promulgou o decreto de protección de los castillos, este concello sufriu a desgraza de contar
con gobernantes que permitiron o espolio de boa parte do seu material constructivo. Agora,
non sen tempo, vaise por fin tentar resarcir a historia, o cal apoiamos dende o BNG. Mais
débese ter en conta que a declaración dun Ben de Interese Cultural trae aparellado unha
serie de requisitos como a de contar con un Plan Especial de Protección que se debe
cumplir escrupulosamente. Neste caso, o Concello anunciou que xa encargou un Plan cun
custe superior os 700.000 euros, aos que hai que sumar o custe da adquisición e
actividades de investigación e difusión que se deberán levar a cabo.
Afortunadamente, dende a Deputación da Coruña, a área de Patrimonio, responsabilidade
da parte nacionalista do goberno bipartito provincial, puxo en marcha unhas
importantísimas liñas de axuda económica destinadas a concellos de menos de 50000
habitantes para investir na recuperación e posta en valor do Patrimonio local, axudando así
a paliar a situación de abandono económico en que a Xunta, máis unha vez, deixa os
pequenos e medianos concellos galegos.
Máis unha vez, os concellos cargarán co peso orzamentario de persoal de asumir unhas
competencias que lle son impropias e quen se verá afectado será o noso patrimonio e, por
extensión, o conxunto da cidadanía.
O proceso de descrédito e baleirado da Lei de patrimonio cultural a través da renunciado
goberno da Xunta a xestionar as competencias exclusivas que lle son propias dá agora un
novo paso adiante na desprotección do patrimonio cultural galego.
Neste contexto, no BNG consideramos que o Concello da Laracha debe manifestar
publicamente o seu rexeitamento á modificación da lei de patrimonio de Galiza.
É por todo o exposto con anterioridade, polo que o Grupo Municipal do Bloque
Nacionalista Galego no Concello da Laracha somete a debate e aprobación polo Pleno
deste Concello esta moción, propondo a adopción dos seguintes
ACORDOS

  1. Solicitar á Xunta de Galiza a retirada da modificación da Lei 5/2016 do patrimonio
    cultural de Galiza que se recolle na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026.
  2. Facultar á Alcaldía para tomar cantas medidas sexan necesarias para dar cumprimento
    a estes acordos.
  3. Dar traslado desta moción a todas as forzas políticas representadas no Parlamento
    Galego.