
Dona Carolina Castiñeiras Brandón Portavoz do Grupo Municipal do Bloque
Nacionalista Galego (BNG) no Concello da Laracha ao abeiro da lexislación vixente,
presenta a seguinte MOCIÓN para o seu debate no Pleno da corporación.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O transporte público por estrada é un servizo esencial para a cidadanía, especialmente
nun país cunha estrutura territorial como a galega, no que milleiros de persoas
dependen diariamente deste servizo para acceder ao traballo, aos centros educativos,
sanitarios e a outros servizos básicos.
Na provincia da Coruña, o sector do transporte de viaxeiros e viaxeiras por estrada
atópase inmerso nun grave conflito laboral derivado do bloqueo da negociación do
seu convenio colectivo, que afecta a arredor de 3.000 persoas traballadoras e á
práctica totalidade das empresas do sector. O convenio leva catro anos caducado, e
non recolle avances normativos básicos en materia de conciliación, control horario ou
dereitos laborais, nin garante incrementos salariais dignos nin cláusulas de revisión
ligadas ao IPC.
Esta situación derivou na convocatoria de varias xornadas de folga, con estacións de
autobuses practicamente paralizadas e milleiros de persoas usuarias gravemente
afectadas, poñendo en risco a prestación dun servizo público esencial.
Cómpre salientar que a Xunta de Galiza ten unha responsabilidade directa nesta
situación, tanto polo seu papel como principal contratista e reguladora do transporte
público por estrada, como pola política desenvolvida nos últimos anos, que favoreceu
a concentración do sector en mans de grandes grupos empresariais, condicionando
de maneira decisiva a negociación colectiva.
A política de mobilidade da Xunta de Galiza do Partido Popular consistiu en
desmantelar o sector promovendo a desaparición de numerosas pequenas empresas
e a concentración de todos os contratos nas mans de apenas tres grandes empresas,
cunha preferencia pública e notoria por Monbus, que ten practicamente o monopolio
do sector. E este monopolio ten o seu reflexo na composición da mesa de negociación
do convenio, cunha patronal totalmente condicionada pola vontade e as directrices
de Monbus.
A pasividade da Xunta fronte ao bloqueo patronal, así como a súa negativa a exercer
un papel activo como autoridade laboral e como administración responsábel da
garantía do servizo, está contribuíndo a prolongar un conflito que prexudica tanto ás
persoas traballadoras como á cidadanía en xeral.
Por todo o exposto con anterioridade, o Grupo Municipal do Bloque Nacionalista
Galego somete a debate e aprobación polo Pleno deste Concello esta moción,
propoñendo a adopción do seguinte
ACORDO
- Instar á Xunta de Galiza a:
a) Implicarse activamente na resolución do conflito do transporte de viaxeiros e
viaxeiras por estrada da provincia da Coruña, reuníndose coa parte social da mesa de
negociación do convenio colectivo.
b) Dirixirse ás empresas concesionarias do transporte público por estrada,
lembrándolles a súa obriga de negociar de boa fe e de garantir condicións laborais
dignas nun servizo esencial para a cidadanía.