Moita festa por San Antonio e outras citas de venres na Costa da Morte

Axenda – Así se presenta a xornada neste 13 de xuño, ás portas do ecuador de mes 

Hoxe • Venres 13 de xuño, inicio da fin de semana, e así vén o día pola Costa da Morte, máis alá dos actos de graduacións previstos nos IES Terra de Soneira (Vimianzo), Eduardo Pondal (Ponteceso) e Monte Neme (Carballo):

Carballo • Hoxe, no Pazo, tarde-noite de teatro da man de vinte actores. Coa Aula de Teatro Municipal, dirixida por Galeatro, obras Quixotadas (21.00) e Raíñas á escena (22.00). Entrada de balde, mais recoméndase recollela en billeteira.carballo.gal. Promove a área de Cultura.

Cances (Carballo) • Clausura dos cursos de baile e pandeireta, gaita e acordeón, zumba, pilates, ximnasia e memoria impartidos ao longo deste curso dende a asociación San Campio: ás 20.30, no local social. Ao remate, pinchos.

Artes (Carballo) • Misas ás 10.00, 11.00, 12.00 e 13.00 (solemne), por San Antonio. Sesión vermú con La Bamba e verbena con La Bamba e DJ Luciano Macaro. Con carpa!

Corcubión • Ás 20.00, na Casa da Cultura Plácido Castro, teatro con varias pezas do Estudo Casa Hamlet de A Coruña e do seu programa Neste feble tempo de flautistas. Participarán del artistas locais, como Elisa Lema, Marina Gómez e Fernando Castro.

Laxe • Ás 23.30 horas, no local A Ventana, concerto de Traspiés, tributo a Los Enemigos. Cita solidaria para recadar fondos para os damnificados polo incendio nun edificio da vila, o 31 de maio.

Buño (Malpica) • Comezan as festas de San Antonio. Hoxe, dende as 22.00, verbena co Trío Somoza e Full & Expósito. Acompaña pulpeira.

O Couto (Ponteceso) • Das 18.00 en adiante, con teatro ás 20.00 e despois sardiñada e son de pandeiretas, terá lugar hoxe a clausura do primeiro semestre de curso da Casa da Muller, proxecto da Fundación Eduardo Pondal.

Malpica • Bota a andar a novena de Santo Hadrián, cuxo día de romaría será o 22. Hoxe, actos ás 20.00 na igrexa parroquial de San Xulián. Máis alá disto, tamén se festexa San Antonio: saída en procesión ás 12.00 da igrexa, acompañada por Malante. Misa na capela das Neves ás 13.00, vermú con Judith Cundíns, pulpeira e tarde amenizada por David Bermúdez, Couca e DVF. Haberá carpa!

Muxía • No cámping Lago-Mar, ás 21.00, comedia teatral co grupo de teatro de Camelle: obra First lerias.

Corme Aldea • Comezo das celebracións de San Adrián, hoxe co dúo Ciclón e co DJ Roy a partir das 23.00 horas.

Laxe • Festas no Aprazadoiro, este venres con misa ás 13.30, churrascada a partir das 20.00 e verbena coa disco Impacto e o DJ Bermúdez.

Cerceda • Máis festas de San Antonio, neste día inicial con mia ás 13.00, vermú ás 14.30 con discoteca móbil, verbena con Tania Veiras ás 23.00 e, de aí en adiante, discoteca Chocolate co disyóquei Ferré.

Coristanco • Día de San Antonio. Nas misas das 09.00 e 20.00 horas, bendición de animais. Os veciños da Agualada bailarán na sesión vermú con Acordes e na verbena con Acordes e Elebé 2.0.