Morren Tres mariñeiros galegos nun accidente en Namibia

Tres mariñeiros galegos da zona do Morrazo e un cidadán namibio faleceron nun grave accidente de tráfico en Namibia. Segundo diversas fontes, os tres traballadores do mar aterraron no aeroporto internacional Hosea Kutako, en Windhoek, despois dun voo procedente do Porto con escala en Abu Dabi. Desde alí colleron un taxi para desprazarse ata Walvis Bay, onde tiñan previsto embarcarse nun pesqueiro dedicado á captura da pescada negra.

Durante o traxecto, que dura arredor de cinco horas, un vehículo invadiu o carril contrario e chocou frontalmente co coche no que viaxaban os galegos. No sinistro perderon a vida os tres mariñeiros e o taxista namibio. Polo momento, non se coñecen máis detalles sobre as causas do accidente.

A nova xerou unha fonda consternación no Morrazo, especialmente entre as comunidades mariñeiras e os compañeiros de profesión dos falecidos. Polas dez da mañá, fontes da Embaixada de España en Windhoek aseguraban non ter aínda constancia oficial do ocorrido.

Fonte: Voz de Galicia