
Muros está a piques de rematar as obras de “Saneamento na marxe esquerda de Serres”, unha actuación impulsada polo Concello de Muros co obxectivo de seguir mellorando a rede de saneamento municipal e ampliar a cobertura deste servizo básico en distintas zonas do concello.
Os traballos executados consistiron na instalación dun novo colector de saneamento que recolle as acometidas de augas residuais xa existentes, partindo do PAC de Muros, o posto da Garda Civil, o GES, a piscina municipal e toda a marxe esquerda da estrada de Serres (AC-400), ata conectar co colector xeral no cruzamento coa AC-550.
Unha actuación integral sobre a rede
A intervención incluíu a execución dunha nova rede de saneamento, así como a colocación de tubaxes de PVC e PEAC corrugado de dobre parede, a separación de augas pluviais e fecais, a instalación de pozos de rexistro e acometidas domiciliarias e a repavimentación das estradas e beirarrúas afectadas polas obras.
O proxecto foi desenvolvido dentro do POS (Plan de Obras e Servizos), financiado pola Deputación da Coruña, cun investimento total de 164.000 euros, e foi aprobado previamente polo Pleno da Corporación municipal.
O saneamento, entre as prioridades do goberno local
A alcaldesa de Muros, María Lago, salientou que esta obra supón “outro paso máis no noso obxectivo de mellorar o saneamento en Muros, levando o servizo a zonas que carecían del e mellorando a rede existente”.
Pola súa banda, a concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, lembrou que xa está “en proceso de adxudicación unha nova obra de saneamento en Tal, cun investimento de 142.000 euros”.
Desde a chegada do actual goberno local no verán de 2023, o saneamento converteuse nunha das principais liñas de actuación municipal. Segundo destaca o Concello, o investimento acumulado na rede neste mandato achégase xa aos dous millóns de euros, e está previsto que as actuacións continúen nos próximos meses.
Con esta nova intervención, o executivo local reafirma a súa aposta por mellorar os servizos básicos e a calidade de vida da veciñanza.



