O BNG CONSIDERA QUE A COSTA DA MORTE PERDEU NO BALANCE ANUAL DE 2025 COA XESTIÓN DO PP NA XUNTA 

O deputado Oscar Insua cualifica a xestión do Partido Popular neste 2025 para a comarca como “lamentable e chea de incumprimentos, moitos deles derivados de promesas de hai anos

Costa da Morte, 30 de decembro de 2025. O deputado nacionalista Oscar Insua, fixo un seguimento  detallado de todos os anuncios e promesas do Partido Popular no 2025 para a Costa da Morte, e comentou que “a final deste ano podemos afirmar que a palabra que define a xestión da Xunta de Galiza é a de incumprimentos”.

Desde o BNG consideran que as promesas incumpridas son varias, destacado que o corredor da AG-55 está sen licitar, “cando en reiteradas ocasións desde o goberno aseguraron que antes de finalizar o ano ía estar publicada no DOG”. No caso do servizo de onco-hematoloxía, que presuntamente comezaba en setembro deste ano a funcionar, “hai que falar non de incumprimento, senón de engano á cidadanía porque as portas do hospital de día onco-hematolóxico están literalemente pechadas, non se están a prestar os servizos que se anunciaron, e cremos que non se pode estafar desta maneira á veciñanza cando falamos de sanidade pública”. Ademáis, os nacionalistas sinalaron que “seguimos esperando os reforzos médicos nos centros de saúde da Costa da Morte porque hai xente que non ten cita ata dentro de quince ou vinte días co seu médico de cabeceira e non lle queda outra que desprazarse ao PAC. Isto xa é xeralizado en toda a comarca, aos doentes non lles dan cita ata mediados de xaneiro”.

Os nacionalistas advertiron tamén que as mariscadoras de Camariñas “aínda non cobraron un peso este Nadal, como era previsible visto o lamentable comportamento da Consellaría do Mar, que aparenta preocuparse pero que logo se desentende completamente deste sector”.  Oscar Insua manifestou que “hai tempo que a Consellería abandonou a este colectivo de mulleres. Xa lles dixeron hai tempo que se foran buscando a vida noutro traballo, e logo dixeron no parlamento que esas palabras había que contextualizalas. Este é un dos exemplos do nulo compromiso que teñen coa comarca e co marisqueo en xeral, deixándonos un futuro desolador, porque no fondo demostran que non cren neste sector produtivo”.

Respecto aos servizos sociais, o BNG lembrou que a comarca segue sen ter un centro de día público, namentres o PP financia a construción destes centros noutras bisbarras. «Levamos dous anos esperando a que a conselleira teña unha reunión co alcalde de Corcubión; o PP está castigando aos maiores só por intereses políticos. É profundamente detestable este trato ao pobo de Corcubión». 

En canto aos recortes na educación pública, a formación nacionalista afirmou que a Xunta segue negándose a dotar aos colexios de Muxía e Cee de máis profesores para o alumnado con necesidades especiais, cando toda a comunidade educativa o reclama. 

Oscar Insua cualificou como “lamentable” a xestión do Partido Popular neste 2025 para a Costa da Morte, “e chea de incumprimentos, moitos deles derivados de promesas de hai anos”. Neste sentido, declarou que “grazas á presenza do BNG desta comarca no parlamento e á defensa dos nosos intereses, aínda resistimos, pero non pola vontade política do PP, que nos considera unha comarca de terceira ou cuarta categoría; non hai máis que comprobar canta vivenda de protección pública fixeron na costa da morte: cero».