
Oscar Insua empraza a Xunta a non escusarse no cumprimento da lei. “A lei cámbiase, para iso estamos aquí, para mellorar a vida das persoas”
«Imos obrigar a que collan sardiñas con xeiteiras e a vela, como se fixo sempre?, preguntou
Santiago de Compostela, 3 de febreiro 2026. O deputado do BNG da Costa da Morte, Oscar Insua, reclamou na Comisión de Pesca a reactivación do plan de explotación marisqueira en Corcubión e a revisión da normativa que impide o mergullo con aire en superficie para poder así avanzar no aproveitamento dos recursos marisqueiros na ría, dado que as limitacións normativas, “frean o desenvolvemento económico e a creación de emprego nun sector xa duramente castigado pola crise”, advertiu.
Acusou o PP de negarse a avanzar nas técnicas para poder explotar ameixa e ameixón entre 5 e dez metros coa técnica de mergullo, malia que, tal e como propón o sector, favorece as condicións de saúde no traballo e, ademais, non compiten con mariscadores e mariscadoras a pé ao non ir á mesma profundidade, como tamén asegurou a directora xeral de Pesca, María de los Ángeles Vázquez, encargada de responder as preguntas do deputado nacionalista.. En todo caso, “non impide que poidan coexistir plans de mergullo con raño”, sinalou o deputado nacionalista.
Insua rebateu unha resposta que dera no Parlamento de Galiza unha deputada do PP, que aseguraba que ‘sempre se fixo con vara’, retrucándolle que “parece que e o PP é o partido quere seguir indo polas corredoiras”, por que non evoluciona nas técnicas de traballo. “Imos ter que seguir collendo sardiñas só con xeiteiras e a vela, como se fixo sempre de maneira tradicional no noso País, ou utilizamos outras artes de pesca distintas máis favorables para os mariñeiros?” cuestionou.
O deputado nacionalista lamentou que, malia a existencia de recursos mariños con potencial na zona, o Goberno do PP non aprobase un plan de explotación que permita a súa extracción de forma regulada, o que supón –dixo– “perder unha oportunidade para manter e crear postos de traballo nun ámbito sen remuda xeracional e en franca recesión”.
Preguntoulle ademais á directora xeral de Pesca, se considera “racional” escusarse exclusivamente en que a prohibición de apañar ameixa ou ameixón a determinada profundidade coa técnica de mergullo se ampara na lei, porque, engadiu, a” lei pode cambiarse, para iso estamos aquí, para mellorar a vida das persoas traballadoras do mar”, recalcou.
Insua preguntoulle á responsable da Xunta se ten previsto elaborar informes sobre o estado destes recursos e cal é a valoración do departamento autonómico sobre a situación “de estancamento” que viven as mariscadoras da comarca.
Tamén esixiu ao Executivo galego xustificar a súa negativa, reiterada nos últimos anos, a permitir o uso do mergullo con subministración de aire en superficie na extracción de ameixa a determinadas profundidades. “Hai que adaptar o traballo ao individuo, non ao revés, mellorando as condicións laborais dos mergulladores”.
Por último, o deputado da Costa da Morte preguntou se a Consellería está a traballar nunha modificación do Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, que regula as artes, útiles e técnicas de extracción profesional de recursos mariños, e se xa dispón dun borrador do novo texto.
Cuestións todas que non foron aclaradas pola responsable da Xunta.
Nota de Audio