
Os nacionalistas presentaran unha moción en marzo de 2025 na que solicitaban a retirada do nome do que foi militar franquista, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, e propoñían outras denominacións, entre elas a de Avenida das Palilleiras
Camariñas, 3 de marzo de 2026. O BNG de Camariñas vén de celebrar a decisión de cambiar o nome da Avenida Ambrosio Feijóo na localidade, que pasará a chamarse Avenida das Palilleiras, tal e como anunciou o Concello camariñán, e lembrou que esta cuestión xa foi proposta polo seu portavoz municipal, Xurxo Rodríguez Baña.
O voceiro nacionalista presentou en marzo de 2025 unha moción no pleno na que solicitaba, en cumprimento da Lei de Memoria Democrática, a retirada do nome de Ambrosio Feijóo, que foi un militar franquista que participou en tribunais militares que emitiron sentenzas contra persoas que defenderon a democracia e destacou pola súa participación na represión despois do golpe de Estado de 1936 daqueles que defendían a legalidade. Na iniciativa, o BNG propoñía outras denominacións, entre elas a de Avenida das Palilleiras.
Xurxo Rodríguez sinalou que “o ano pasado organizamos unha charla en Camariñas sobre memoria histórica ofrecida polo sociólogo e vítima do franquismo Manuel Monge González, na que deu un repaso á Lei de Memoria Democrática e aos aspectos que quedan pendentes de cumprir desta norma en Galiza”.
Rodríguez Baña puxo en valor o traballo da formación nacionalista e subliñou que “onde o BNG está, as cousas mudan; seguiremos a propoñer o que sexa necesario para transformar todas as cuestións que a veciñanza do noso concello demanda”.