O BNG de Laxe denuncia novos restos de obra en Santa Rosa e A Insua

O BNG de Laxe denuncia a aparición de novos restos de obra en distintos puntos do municipio e cuestiona o control que está a exercer a Concellería de Obras ante a sucesión de casos comunicados pola veciñanza.

Espiñaredo, Boaño, Coéns, Santa Rosa e A Insua son xa cinco lugares nos que, segundo denuncia a formación nacionalista, se detectaron restos de obras e materiais depositados de maneira irregular.

As últimas imaxes, facilitadas novamente por veciñas e veciños, corresponden a Santa Rosa e A Insua. Para o BNG, estes novos casos volven poñer o foco na xestión dos residuos procedentes de obras e na necesidade de reforzar a vixilancia municipal.

Desde a formación nacionalista preguntan “que control está exercendo a Concellería de Obras ante esta sucesión de casos” e reclaman explicacións sobre as medidas que se están adoptando para evitar que se repitan este tipo de situacións.

O BNG considera que a aparición de restos de obra en cinco lugares diferentes non pode ser considerada un feito illado e advirte de que é necesario actuar para impedir que determinados espazos do municipio acaben converténdose en puntos de vertedura.

A formación agradece tamén a colaboración da veciñanza, que está a facer chegar novas imaxes e información sobre estes depósitos.

“Laxe non é unha escombreira”, sinala o BNG, que anuncia que continuará facendo públicas as denuncias que lle traslade a veciñanza mentres non se adopten medidas para solucionar esta problemática.