O BNG de Laxe e Vimianzo cualifican de “auténtica burla” o plan de xestión dos Penedos de Pasarela e Traba anunciado pola Xunta

Laxe-Vimianzo, 4 de abril de 2026. As agrupacións locais do BNG de Vimianzo e Laxe veñen de facer público un comunicado conxunto no que expresan a súa máis absoluta indignación polo recente anuncio da Xunta de Galiza sobre o plan de xestión dos Penedos de Pasarela e Traba, así como pola actitude submisa e totalmente acrítica dos gobernos municipais de ambos concellos. 

Os nacionalistas cualifican de “auténtica burla” a inversión anunciada de apenas 40.000 euros para os primeiros cinco anos nas actuacións consideradas de «prioridade alta» no propio plan. Denuncian que as tres intervencións previstas: limpeza do camiño Pasarela-Traba, instalación de elementos de seguridade na Torre da Moa, e habilitación dun terreo para aparcadoiro no Brañal, “son medidas básicas insuficientes e claramente afastadas das necesidades reais dun espazo natural que leva anos reclamando actuacións de calado”.

Desde o BNG lembran que hai pouco máis dun ano o presidente da Xunta desprazouse aos Penedos para facer unha visita de claro carácter propagandístico, na que anunciou a bombo e prato un plan acompañado dunha suposta inversión de 600.000 euros. «A día de hoxe, a realidade é ben distinta: se só se destinan 40.000 euros ás actuacións prioritarias durante cinco anos, a pregunta é evidente: onde están os 560.000 euros restantes e cando pensan executalos?», cuestionan.

O BNG de Laxe e de Vimianzo advirten de que o Parque dos Penedos de Pasarela e Traba non pode seguir sometido a promesas baleiras nin a prazos eternos, e esixen a posta en marcha inmediata de medidas que levan anos enriba da mesa. Neste sentido, lembran as propostas elaboradas polo colectivo SEMESCOM e recollidas no propio plan, como os acordos con propietarios para a limpeza e plantación de especies autóctonas, o mantemento periódico dos accesos ás formacións pétreas, a mellora da accesibilidade en puntos críticos -especialmente pensando na xente maior-, así como unha aposta decidida pola sinalización, a divulgación, creación de centros de interpretación ou infraestruturas de acollida.

Papel dos gobernos municipais

Finalmente, o BNG “lamenta profundamente o papel irrelevante e conformista dos gobernos municipais de Vimianzo e Laxe”, aos que acusa de actuar como meros espectadores. «É inadmisible que os representantes públicos renuncien a defender un dos principais valores naturais do territorio, agochándose detrás da Xunta para xustificar a súa inacción. Nin presionan, nin propoñen medidas máis alá de meras reunións veciñais que cualifican como propagandísticas”.

Para os nacionalistas, esta situación evidencia un total desinterese polo futuro dos Penedos, e reclaman un cambio de actitude inmediato para garantir a súa protección, posta en valor e dinamización real.