O BNG de Muxía pide un adecuado sinal de TDT, internet e telefonía no municipio

Os nacionalistas sinalan que os problemas de conectividade levan anos sendo unha constante en distintos núcleos de poboación das parroquias e tamén no pobo de Muxía, onde a cobertura telefónica e de internet falla frecuentemente e no último mes de forma aínda máis habitual

Muxía, 17 de febreiro de 2026. O BNG de Muxía vén de dar a coñecer que o Concello non se adheriu en 2025 a unha iniciativa da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), destinada a mellorar a cobertura móbil  en zonas illadas ou con complexidade pola orografía do terreo. Os nacionalistas sinalaron que o consistorio non informou dos problemas de cobertura a dito organismo, segundo a contestación parlamentaria á pregunta con resposta escrita ao deputado Oscar Insua.

O BNG subliñou que “a pesares de que o Concello requirira en marzo de 2025 á Oficina de Banda Larga información sobre a conectividade, o estado da fibra óptica  e a cobertura de móbil no municipio, non comunicou problemas de cobertura a esta axencia, trámite necesario para poder obter as melloras nestes servizos”.

A formación nacionalista criticou a inacción neste asunto, pois consideran que dotar de servizos e de conexión ás parroquias e á capital do concello “é esencial para fixar poboación, para facilitar a vida da veciñanza e para promover a economía do municipio”, na que a hostalaría ten un peso importante.

“Desde o BNG de Muxía instamos ao goberno municipal, e nomeadamente aos concelleiros de servizos e turismo, a facer o traballo que non se fixo en 2025 para que se mellore a cobertura telefónica e de internet das moitas zonas deficitarias neste servizo”, declarou a portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, que lembrou ao goberno municipal a existencia doutras dúas iniciativas do goberno estatal, que se estenden ata 2026, para dotar de cobertura 5G a zonas que non dispuxesen ata o momento dunha velocidade de conexión mínima de 50 Mbps.

A portavoz do BNG lembrou que xa no 2025 presentara unha moción para instar a dirixirse a AMTEGA para que buscasen ubicación para a instalación dunha antena telefónica que, coa distancia adecuada aos núcleos de poboación, facilitase cobertura telefónica a zonas nas que actualmente non a hai, e para que o Concello realizase os trámites oportunos para localizar terreos municipais adecuados ou de intermediación coa veciñanza para poñelos a disposición da AMTEGA para a instalación de antenas. Tamen a acometer melloras no repetidor do Seixo e instalacións similares.

Continúan os problemas no sinal de TV

Mercé Barrientos reclamou que se acometan “dunha vez” as melloras necesarias no repetidor do Seixo, que dá sinal de televisión á parroquia de Frixe. “A pesares de ser unha instalación moi necesaria, este repetidor falla moi a miúdo cando a meteoroloxía é adversa”, afirmou a voceira nacionalista, que engadiu que “na parroquia segue a haber zonas de sombra, especialmente na Grixa, polo que a calidade da imaxe é xa de por si moi baixa, e a grella de programación que ofrece non é a da canle de TDT completa, senón só parte dela e non se poden sintonizar canles que noutras partes do concello si é posible ver”.