
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego (BNG) en Santa Comba reclamou ao goberno local que pague de maneira inmediata os atrasos salariais e as horas extras que, segundo denuncia, se lle deben ao persoal municipal desde hai máis dun ano.
O portavoz nacionalista, Juan David Sixto, cualificou de “irresponsábel” a situación e acusou ao executivo municipal de incumprir unha obriga que xa están a aplicar outras administracións públicas. Segundo explicou, o Concello segue sen aboar os atrasos derivados da suba salarial aprobada polo Goberno de España para o conxunto das administracións públicas.
Sixto denunciou que a situación afecta a distintos colectivos do cadro de persoal municipal. Entre eles citou ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que —segundo afirma— continúan sen cobrar as horas extras acordadas por traballar os sábados desde novembro de 2024 e, ademais, non están a ter o descanso semanal obrigatorio.
“O alcalde non pode mirar para outro lado mentres o persoal municipal segue sen cobrar o que lle corresponde. Ten a responsabilidade de garantir que o Concello cumpra cos seus compromisos laborais e de poñer solución inmediata a unha situación que leva demasiado tempo prolongándose”, sinalou o portavoz do BNG.
O nacionalista tamén puxo en valor o traballo das profesionais do SAF, ás que cualificou como un servizo esencial para moitas persoas maiores e dependentes do municipio. “O mínimo que pode facer o Concello é respectar os seus dereitos laborais e cumprir cos acordos alcanzados”, subliñou.
Ademais, Sixto indicou que existen tamén reclamacións doutros colectivos, como o da policía local, que —segundo afirmou— non está a cobrar determinadas colaboracións con outros concellos en eventos especiais como feiras e festas, malia que esas administracións xa terían realizado os pagos correspondentes ao Concello de Santa Comba.
Por último, o portavoz do BNG reclamou a convocatoria dunha reunión da mesa de negociación co fin de desbloquear o conflito e abordar as reclamacións do persoal municipal. “O goberno municipal ten que cumprir a lei e atender as demandas lexítimas das traballadoras e traballadores que están a ser tratados de maneira inxusta”, concluíu.