
Benxamín Queiro, voceiro municipal dos nacionalistas, critica a ausencia de inversión en plans orientados a vivenda, a fin de fixar a poboación xerada polas empresas locais, nin políticas para garantir o relevo xeracional das pymes
Vimianzo, 26 de novembro de 2025. O BNG de Vimianzo cualificou como “orzamentos de despilfarro” as contas municipais elaboradas polo equipo de goberno e aprobadas no pleno da corporación celebrado este mércores 26 de novembro.
Segundo o portavoz municipal dos nacionalistas, Benxamín Queiro, os orzamentos “son propios dun goberno sen proxecto de estratéxico que non é quen de ver nin os problemas, nin tampouco as oportunidades”. Criticou a ausencia de inversión en plans orientados a vivenda, a fin de fixar a poboación xerada polas empresas locais, nin políticas para garantir o relevo xeracional das pymes. Ademais, o voceiro do BNG lamentou que só o cinco por cento das contas se dedique a obras e saneamentos, “nun concello no que o corenta por cento dos núcleos seguen cos pozos negros”.
O BNG vimiancés amosouse satisfeito de que se atenderán as súas peticións en canto aos saneamentos e beirarrúas para a parroquia de Serramo e no lugar de O Campo (Bamiro), pero lamentaron a negativa da alcaldesa as súas propostas de impulsar unha Casa da Xuventude e un Centro de Día, así como a elaboración do PXOM.
Por último, os nacionalistas arremeteron contra a total ausencia de políticas orientadas á redución da factura do lixo, “pese a que o BNG leva anos propoñéndoo”, e lembraron que o contrato da residuos sólidos urbanos leva xa tres anos caducado, “feito que esta ocasionando graves prexuízos a traballadores e ao propio servizo”.