O BNG de Vimianzo denuncia a paralización de servizos municipais e responsabiliza á alcaldesa

Vimianzo, 18 de febreiro de 2026. O Bloque Nacionalista Galego de Vimianzo denuncia a “intolerable” falta de xestión do goberno municipal ante a paralización das licitacións de servizos da recollida de lixo, a Escola infantil e a Vivenda comunitaria.

A situación afecta directamente tanto ás traballadoras como aos usuarios: salarios conxelados, atrasos de máis de 20 días no cobro das nóminas dos traballadores da vivenda comunitaria, traballadoras da escola infantil sen cobrar desde 2025, comunicados da Seguridade Social a internos da vivenda comunitaria e falta de subministro de alimentos.

O BNG lembra que estes contratos remataron hai anos e que, desde entón, mantivéronse mediante prórrogas que tamén chegaron ao seu fin sen que se tiveran publicado as novas licitacións, o que supón unha vulneración do art. 29.4 LCSP sobre duración de contratos públicos. En consecuencia, os servizos estanse realizando con contratos caducados e con consecuencias dramáticas para traballadores e usuarios.

Os nacionalistas instan ao goberno municipal a actuar con urxencia para garantir a normal prestación destes servizos, e lembran que no pleno do pasado 6 de febreiro xa alertaron sobre esta situación crítica, sen que se adoptase ningunha medida.